O concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para os Campus Deportivos de Verán

Redacción

Ofértanse 15 campamentos semanais en 7 modalidades deportivas. Iranse desenvolvendo desde o 22 de xuño ao 4 de setembro cun prezos entre 70 € e 75 €

Toda a información está pendurada na web municipal www.nigran.org

 O Concello de Nigrán, coa colaboración dos clubes do municipio, ofrece un ano máis desde finais de xuño a inicios de setembro unha quincena de campus deportivos en 7 modalidades deportivas (multideporte, tenis, pádel, fútbol, patinaxe, ximnasia rítmica e surf (algúns deles con prioridade para empadroados). O obxectivo é ofrecer actividades saudables que faciliten a conciliación laboral e familiar durante ás vacacións escolares ao tempo que se incentiva o deporte base. O prazo de inscrición está aberto e cada persoa interesada debe porse en contacto con cadanseu club no mail ou teléfono que aparece na cartalería pendurada na web municipal www.nigran.org (a información inclúe datas, lugar de celebración, custe…) .

Estes campamentos deportivos teñen unha duración de cinco días (de luns a venres) e un custe de entre 70 € e 75 €, arrancando con multideporte o 22 de xuño e finalizando con surf do 31 de agosto ao 4 de setembro. En todos eles o Concello aportará a merenda diaria e a cobertura do seguro.

“Trátase, xunto co campamento municipal, dunha iniciativa para facilitar a conciliación familiar mediante actividades saudabeis ao aire libre e de promover o deporte desde a infancia dando cabida a disciplinas para todos os gustos e confiando nas entidades deportivas de Nigrán, que son as que teñen a experiencia”, indica o alcalde, Juan González.

Comparte este artigo