Soutomaior mobiliza máis de 2,4 millóns de euros en investimentos e podería superar os 4,9 millóns este ano

Redacción

O goberno municipal reafirma así o seu compromiso cunha xestión eficaz dos recursos e coa captación de financiamento doutras administracións para seguir impulsando proxectos estratéxicos para o futuro do concello.

16 de xuño, Soutomaior. O Concello de Soutomaior avanza na mellora das infraestruturas e dos espazos públicos cun importante esforzo investidor. Nestes momentos, o goberno local ten mobilizados un total de 2.455.158 euros destinados a diferentes actuacións e obras nas rúas e espazos municipais tales como as obras de mellora do concello de Soutomaior, salón de plenos ou Talo Río.

Esta cifra podería incrementarse de maneira significativa nos vindeiros meses. No caso de que se executen as subvencións actualmente solicitadas e aínda pendentes de resolución, o volume total de investimento alcanzaría os 4.925.944 euros en actuacións previstas para este ano.

Tal e como dixo nesta xornada o alcalde, Manu Lourenzo, “estamos a vivir un dos anos con maior volume de investimento en obra pública no noso concello. Neste momento xa temos mobilizados 2.455.158 euros para diferentes actuacións que permitirán seguir mellorando as nosas rúas, os servizos e os espazos públicos de Soutomaior. Ademais, traballamos na captación de recursos doutras administracións. O noso obxectivo é continuar transformando Soutomaior, atendendo as necesidades da veciñanza e construíndo un concello máis moderno, accesible e preparado para o futuro.”

As obras en execución, como son a de Talo Río, a contorna do Concello, salón de plenos… súmanse as que están en proceso de licitación como as pistas de pádel, Roxelio Landeiro, A Lavandeira ou a Praza do Souto.

O goberno municipal reafirma así o seu compromiso cunha xestión eficaz dos recursos e coa captación de financiamento doutras administracións para seguir impulsando proxectos estratéxicos para o futuro do concello.

Comparte este artigo