O presidente provincial, Luis Menor, presentou hoxe, no marco da Feira do Libro, as obras editadas ao abeiro do Plan Anual de Publicacións 2025 para o cal a institución destina un orzamento de 100.000 euros
Todo o catálogo editorial da Deputación atópase accesible fisicamente na biblioteca, de xeito dixital na súa páxina web (https://publicacions.depourense.es/ ) e por medio das nosas distribuidoras (Galaxia para Galicia e Alcantarilla para o resto de España) e fisicamente en calquera libraría de Galicia
A Deputación de Ourense participa na Feira do Libro de Ourense para poñer en valor o traballo que realiza a través do Negociado de Publicacións consolidándose como “editorial científica e cultural” que blinda a memoria colectiva da provincia.
O presidente da Deputación de Ourense presentou hoxe, xunto á xefa do Negociado de Publicacións da Deputacións, Ana María Malingre, as obras editadas ao abeiro do Plan Anual de Publicacións 2025, cun investimento de 100.000 € , destacando o papel fundamental da institución provincial á hora de facer posible que obras de gran relevancia e interese para Ourense vexan a luz.
Durante a súa intervención, o presidente reivindicou que a Deputación aposta pola “cultura con maiúsculas” achegando “ferramentas vivas, fontes de coñecemento das que van a beber profesionais do turismo, da educación, da historia e da xestión cultural”.
Un servizo cunha evolución histórica e rigorosa
O presidente lembrou a evolución deste servizo dende os seus inicios en 1969 —coa primeira obra sobre a ponte romana asinada por Manuel Chamoso Lamas—, pasando polo Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijóo nos anos 70 e 80 (con figuras como Ramón Otero Pedrayo), ata a xestión de José Platero entre mediados dos 80 e 2005.
Este negociado experimentou un salto cara á modernización no ano 2013 coa aprobación dunha ordenanza pioneira que outorgou o peso da selección das obras a un Consello Asesor no que participan institucións como a Universidade de Vigo, o Consello da Cultura Galega, a UNED ou a Real Academia Galega.
Plan de Publicacións 2025
O Plan de Publicacións correspondente ao 2025, ao que a Deputación destina un orzamento de 100.000 euros, garante que se manteñan cabeceiras como a revista Raigame ou o Anuario da Gaita, así como as publicacións do premio Pura e Dora Vázquez.
Tamén hai espazo para monografías e reedicións como a segunda edición de Chandrexa de Queixa. Patrimonio Natural de Luis José Rodríguez Rodríguez; a monografía de Mercedes Gallego Esperanza titulada Ramón Conde. Entre las emociones y la razón; e Paseniño pola Vía da Prata, de Manuel Garrido Rivero e María Eugenia Muñoz Fernández.
No eido da investigación local e histórica están incluídos proxectos como A obra da Ponte Maior no século XV de Anselmo López Carreira; o traballo A Virxe do Cristal. Lenda, roubo, asasinato, coordinado por Xosé Manuel del Caño González; e un estudo de Fernando Román Alonso titulado A praza Maior de Auriabella.
O catálogo inclúe a análise de Carlos Lozano González sobre a figura de Carlos Taboada Tundidor e a CEDA na Segunda República; a achega á medicina de David Simón Lorda e Ana Rúa con Rabia, sanidad y sociedad. Ourense 1885-1936; e Curros e Junqueiro: a liberdade e o espírito, de Henrique Manuel Pereira e Lourdes Maceiras.
Avances para o Plan de 2026
O presidente manifestou o firme compromiso coa investigación local anunciando que o Plan de Publicacións de 2026 xa está en marcha con outros 100.000 euros de orzamento, reafirmando o compromiso de “seguir editando o futuro de Ourense”.
Todo o catálogo editorial da Deputación atópase accesible fisicamente na biblioteca, de xeito dixital na súa páxina web (https://publicacions.depourense.es/ ) e por medio das nosas distribuidoras (Galaxia para Galicia e Alcantarilla para o resto de España) e fisicamente en calquera libraría de Galicia.

