O Concello de Soutomaior dará un novo paso na atención á cidadanía coa posta en marcha, a partir do vindeiro 1 de xullo, dun innovador sistema de avisos e comunicación directa coa veciñanza a través de WhatsApp. Esta iniciativa enmárcase na campaña “Conscientes. Medra en Verde” e supón unha ferramenta moderna, accesible e sen barreiras para facilitar a relación entre a administración local e a cidadanía..
Esta mañá o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Pablo Garrido, e o CEO de Siháho, Manuel Pan, presentaron esta novidosa aplicación.
A través do número 667 76 82 89, a veciñanza de Soutomaior poderá comunicar incidencial dun xeito rápido e sinxelo. O principal valor deste novo servizo é a súa facilidade de uso: non é necesario descargar ningunha aplicación nin rexistrarse en plataformas adicionais, xa que funciona directamente desde WhatsApp, unha ferramenta presente no día a día da maioría da poboación.
Este sistema, pioneiro no ámbito municipal, converte a Soutomaior nun referente na implantación de novas fórmulas de atención cidadá, apostando por unha administración máis próxima, áxil e adaptada ás necesidades actuais.
“Queremos eliminar barreiras e facilitar ao máximo a comunicación coa cidadanía. Con esta nova canle ofrecemos unha atención máis directa, inmediata e accesible para todas as persoas”, destacou hoxe o concelleiro Pablo Garrido.
A partir do 1 de xullo, a veciñanza só terá que gardar o número 667 76 82 89 na súa axenda e comezar a utilizar esta canle directa co Concello de Soutomaior.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a mellora continua dos servizos públicos, avanzando cara a unha administración máis eficiente e próxima á cidadanía.

