Mos acolle a entrega de premios da campaña “Merca no teu Comercio – Mos 2026”

Redacción

O Pazo de Mos acolle mañá o acto de entrega de premios da campaña “Merca no teu Comercio – Mos 2026”, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Comercio e a Federación de Comercio de Pontevedra, coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia e ABANCA.

A campaña, desenvolvida entre os días 1 e 15 de maio de 2026, tivo como obxectivo fomentar as compras no comercio de proximidade do municipio, premiando a fidelidade da clientela que realizou as súas compras nos establecementos adheridos.

Durante o acto farase entrega das 20 tarxetas agasallo de 50 euros cada unha, cun importe total de 1.000 euros en premios. As persoas premiadas poderán utilizar estas tarxetas para realizar novas compras nos comercios locais ata o vindeiro 30 de novembro de 2026, contribuíndo así a seguir impulsando a actividade económica do municipio.

A campaña contou coa participación de numerosos establecementos comerciais de Mos, representativos de sectores tan diversos como a alimentación, a moda, o deporte, os servizos, a hostalaría, a saúde, a decoración ou a cultura, consolidando unha vez máis o compromiso do comercio local co desenvolvemento económico e social do concello.

Ademais, co obxectivo de converter a entrega de premios nunha xornada festiva e familiar, durante o evento haberá un servizo gratuíto de pintacaras para os nenos e nenas asistentes, creando un espazo de lecer para os máis pequenos mentres se celebra este recoñecemento ás persoas consumidoras que apostaron polo comercio de proximidade.

Dende a organización agradécese a implicación dos establecementos participantes e a resposta da cidadanía, cuxo apoio resulta fundamental para fortalecer o tecido comercial local e fomentar un modelo de consumo sostible e de cercanía.

A campaña “Merca no teu Comercio – Mos 2026” reafirma así o seu compromiso coa promoción do comercio local, destacando a importancia de mercar nos establecementos de proximidade como motor de emprego, riqueza e dinamización económica do municipio.

Comparte este artigo