A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase pasado mañá, xoves, 25 de xuño, ás 13.30 horas, no salón de plenos, para desenvolver a súa sesión ordinaria desta semana. A orde do día inclúe 30 propostas de acordo presentadas polos servizos municipais de Licenzas, Patrimonio, Contratación, Xestión Urbanística e Avogacía Consistorial.
Licenzas (6). Resolverá as solicitudes de licenzas para remodelar unha vivenda na avenida de Bos Aires; para instalar ascensores en edificios das rúas Jesús Soria, Murillo e Benito Vicetto, e para reformar o portal e o ascensor dun inmoble en Nosa Señora da Saínza. Tamén tratará a solicitude dunha prórroga da licenza para rehabilitar unha vivenda na rúa Medio do Paso.
Patrimonio (2). Dará conta de dúas reclamacións de responsabilidade patrimonial.
Contratación (3). Aprobará, se procede, a adxudicación dos contratos das obras do proxecto de área lúdica en Berrocás e de mellora, acondicionamento e humanización do núcleo da Lonia. Tamén abordará o expediente para contratar o seguro dos vehículos a motor e embarcacións do parque móbil do Concello.
Xestión Urbanística (1): Autorizará o mutuo acordo no prezo xusto nos dereitos na parcela 1 do proxecto de expropiación da estación intermodal, en execución de sentenza.
Avogacía Consistorial (18): Dará conta de 6 sentenzas e 7 autos ditados polos tribunais de instancia da Sección do Contencioso-Administrativo (prazas número 1 e 2 de Ourense), e acordará a comparecencia do Concello en 5 procedementos ante estes mesmos xulgados.

