Roi Puga Costas gaña en Mos o IX Concurso de Debuxo Infantil de Augas do Louro e Aqualia polo Día Mundial da Auga

Redacción

Laura Rodríguez e Carme Soutullo resultaron finalistas nesta edición do certame, dirixido ao alumnado de 3º e 4º de Primaria de Mos, Tui, O Porriño e Salceda para promover o coidado da auga e do medio ambiente

O Concello de Mos felicita ao alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso polos excelentes resultados acadados no IX Concurso de Debuxo Infantil organizado polo Consorcio de Augas do Louro e Aqualia polo Día Mundial da Auga, unha iniciativa que busca fomentar entre os máis pequenos a conciencia ambiental e o uso responsable da auga.

Nesta edición, celebrada baixo o lema “Os gardiáns sostibles no misterio do fío azul”, o alumno Roi Puga proclamouse gañador na categoría correspondente ao municipio de Mos. Ademais, Laura Rodríguez e Carme Soutullo, do mesmo centro educativo, foron distinguidas como finalistas, completando unha destacada participación do centro educativo mosense.

A entrega de premios celebrouse na EDAR de Guillarei, en Tui, nun acto no que participaron representantes institucionais dos concellos integrados no Consorcio de Augas do Louro. En representación do Concello de Mos asistiron os concelleiros Camilo Grandal e Laura Méndez, que acompañaron ao alumnado premiado e trasladaron os parabéns do goberno local aos escolares, ás súas familias e ao profesorado.

O Concello de Mos quere recoñecer o esforzo, a creatividade e a sensibilidade ambiental demostrada por todos os participantes, así como agradecer ao Consorcio de Augas do Louro e a Aqualia a organización dunha iniciativa que contribúe a educar ás novas xeracións na protección dos recursos naturais e no compromiso cun futuro máis sostible.

Comparte este artigo