Avante Ourense vén de rexistrar dous requirimentos dirixidos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia e ao Concello de Ourense para reclamar a elaboración e execución dun plan urxente de adaptación climática dos centros educativos públicos da cidade.
A plataforma considera que as elevadas temperaturas rexistradas durante as últimas semanas en numerosos centros educativos evidencian unha problemática que non pode seguir sendo ignorada polas administracións públicas. As imaxes difundidas estes días, que amosan aulas e patios sometidos a condicións térmicas extremas, poñen de manifesto a necesidade de actuar de forma inmediata para garantir o dereito do alumnado e do profesorado a desenvolver a súa actividade en condicións dignas.
Nos requirimentos presentados, Avante Ourense solicita á Xunta de Galicia a elaboración dun Plan de Climatización dos centros educativos públicos da cidade, que inclúa estudos técnicos individualizados, melloras de eficiencia enerxética e a instalación progresiva de sistemas de climatización adecuados.
Do mesmo xeito, a plataforma reclama ao Concello de Ourense a posta en marcha dun Plan Municipal de Adaptación Climática que permita actuar sobre patios, zonas deportivas e contornas escolares mediante a creación de espazos de sombra, a plantación de arborado e a adecuación dos centros como refuxios climáticos.
“As administracións non poden limitarse a recomendar que se baixen as persianas ou se beba auga. O que fai falta é investimento, planificación e infraestruturas adaptadas á realidade climática que vive Ourense”, afirma Francisco Diéguez.
Desde a Avante lembramos que Ourense é unha das cidades máis calorosas de Galicia e que os episodios de temperaturas extremas son cada vez máis frecuentes. Por este motivo, consideramos imprescindible que ambas administracións colaboren para que durante o próximo curso non se repitan situacións que afectan directamente á saúde, ao benestar e ao rendemento académico do alumnado.
“Se sabemos que cada ano vai facer máis calor, a pregunta xa non é se hai que actuar, senón por que non se fixo antes”, engade Diéguez.
Avante Ourense defende que garantir unhas condicións adecuadas nos centros educativos non debe ser considerado un luxo nin unha medida excepcional, senón unha obriga das administracións públicas e un investimento necesario para protexer a comunidade educativa fronte aos efectos do cambio climático.

