A Deputación destaca a cooperación e a innovación como piares para reforzar a resposta ás emerxencias transfronteirizas

Redacción
XORNADA EMERXENCIAS TRANSFRONTEIRIZAS O deputado de Medio Ambiente, José María Lago, participa na inauguración da xornada técnica: Intervencións transfronteirizas derivadas de riscos naturais. Tamén participan na presentación, Carlos García Touriñán (Presidente de APTB España), Gabriel Muñoz Simal (Xerente de APTB España) e Marcos Araujo Pereira (Xerente de AXEGA). No Centro Cultural Marcos Valcárcel.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu unha xornada técnica, na que colabora a institución provincial, que reuniu a especialistas de Españla e Portugal para compartir experienhcias e novas ferramentas na xestión de riscos naturais

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu hoxe a xornada técnica “Intervencións transfronteirizas derivadas de riscos naturais”, un encontro de referencia que reuniu a profesionais da xestión de emerxencias, bombeiros, persoal de protección civil, especialistas en meteoroloxía e expertos en innovación tecnolóxica procedentes de distintos puntos de España e Portugal. A iniciativa desenvolveuse no marco do proxecto europeo ATEMPO (Adaptación Territorial ante Emerxencias e Modernización da Protección Operativa), promovido pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), coa colaboración da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) e da Deputación de Ourense.

Ao longo da xornada púxose de manifesto a importancia de reforzar a cooperación entre administracións e servizos de emerxencias para responder con maior eficacia a riscos naturais que, cada vez con máis frecuencia, superan os límites territoriais e esixen unha actuación coordinada, rápida e baseada no intercambio permanente de información e coñecemento.

A celebración deste encontro coincide, ademais, co inicio do verán, un período especialmente sensible para territorios como Galicia e o norte de Portugal, nos que aumenta o risco de incendios forestais e doutros episodios asociados ás condicións meteorolóxicas extremas. Neste contexto, os participantes coincidiron en destacar a necesidade de avanzar cara a modelos de prevención e resposta cada vez máis coordinados, apoiados na innovación tecnolóxica e na colaboración transfronteiriza.

 As diferentes relatorías permitiron compartir experiencias reais de intervención en emerxencias recentes, así como coñecer o potencial de ferramentas como a intelixencia artificial, as plataformas dixitais de coordinación operativa e os sistemas avanzados de hidrometeoroloxía aplicada para anticipar riscos, mellorar a toma de decisións e optimizar a actuación dos equipos de emerxencias.

A Deputación de Ourense, entidade colaboradora nesta iniciativa, reafirma deste xeito o seu compromiso coa cooperación institucional, a seguridade da cidadanía e o impulso de proxectos europeos que favorecen o intercambio de coñecemento e a modernización dos servizos públicos, tal e como destacou o deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago.

Cooperación fundamental

O deputado provincial sinalou que a celebración desta xornada resulta especialmente oportuna ao coincidir co inicio do verán, unha época na que Galicia incrementa a exposición a emerxencias como os incendios forestais ou episodios meteorolóxicos adversos. A colaboración da Deputación de Ourense nesta iniciativa enmárcase no seu compromiso coa mellora da capacidade de resposta fronte ás emerxencias, impulsando espazos de encontro que favorecen a innovación, a coordinación entre administracións e a preparación dos profesionais encargados de protexer á cidadanía.

Ao longo da mañá, profesionais de distintos puntos de España analizaron experiencias recentes relacionadas coa xestión das inundacións, entre elas as rexistradas en Cádiz durante o inverno de 2026, así como os riscos asociados ás intervencións neste tipo de episodios e o papel da meteoroloxía na planificación dos incendios forestais transfronteirizos.

A segunda parte da xornada estivo centrada nas novas tecnoloxías aplicadas á xestión das emerxencias, con relatorios sobre o uso da intelixencia artificial, plataformas dixitais de coordinación operativa e solucións avanzadas de hidrometeoroloxía, ferramentas chamadas a desempeñar un papel cada vez máis relevante na prevención, anticipación e resposta fronte aos riscos naturais.

A xornada reuniu a bombeiros, persoal de protección civil, técnicos de emerxencias, especialistas en meteoroloxía, creadores de solucións dixitais e representantes institucionais de Galicia, Castela e León e o norte de Portugal, consolidándose como un foro de intercambio de coñecemento e boas prácticas no ámbito da cooperación transfronteiriza.

Comparte este artigo