A Deputación de Ourense asume a retirada de entullo no pobo da Bouza (Viana do Bolo) para devolver o máis axiña posible a normalidade tralos danos da riada

Redacción
Visita Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación de Ourense)

Luis Menor avanzou que a través dunha encomenda urxente de xestión procederase á contratación dunha empresa con capacidade para a limpeza da localidade e a restauración das áreas máis afectadas

A Deputación de Ourense asume desde xa a retirada de entullo na localidade da Bouza, no concello de Viana do Bolo, co fin de devolver o máis axiña posible a normalidade a esta zona trala forte riada que o pasado 17 de xuño afectou a varios puntos do municipio, con particular impacto na citada poboación.

Así o anunciou o presidente da Deputación ourensá, Luis Menor, trala reunión celebrada este mediodía en Santiago entre o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, os representantes das deputacións de Lugo e Ourense e dos concellos máis afectados polas chuvias torrenciais.

Luis Menor afirmou que a vontade da Deputación de Ourense é contribuír á “devolver canto antes a normalidade á veciñanza da Bouza”, obxectivo que ten como primeiro paso o desentullo de todos os materiais que soterraron a zona central da poboación.

Así, e a través dunha encomenda urxente de xestión, a Deputación procederá á contratación dunha empresa con capacidade para a limpeza da localidade e a restauración das áreas máis afectadas.

Explicou o presidente que a actuación da Deputación realizarase dun xeito similar á xestión do vertedoiro da Rúa a finais de agosto do pasado ano, cando tamén asumiu pola vía de urxencia a extinción do lume que afectou a esas instalacións.

Para Luis Menor, esta iniciativa referenda a “resposta inmediata da Deputación” ao desastre orixinado pola riada na Bouza, onde as brigadas e maquinaria da institución provincial actuaron de xeito inmediato.

Daquela, os medios técnicos e humanos da Deputación de Ourense encargáronse de restablecer as comunicacións por estrada nas localidades da Bouza, Pradocabalos e Pixeiros.

Os traballos, como puido comprobar o propio presidente provincial na súa visita á zona, centráronse en dous puntos: na OU-0903 (Viana do Bolo-limite coa provincia de Zamora), conseguindo limpar este tramo en apenas tres días, o que permitiu a súa apertura ao tráfico. A segunda zona de traballos situouse na OU-0904, entre Seoane e A Bouza, onde os danos ocasionados pola gran cantidade de materiais arrastrados pola auga desaconsella a circulación, reservándose esta vía ao tránsito de maquinaria ou vehículos de emerxencia no caso de ser necesario.

Comparte este artigo