As Casas da Mocidade do Concello de Oleiros ofrecen durante o mes de xullo un amplo abano de alternativas de ocio saudable, formativo e gratuíto dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, que inclúe obradoiros de cociña e introdución á radio, talleres de customización, rutas polas praias e xornadas de kaiak.
A programación para este mes inclúe propostas de aventura como as xornadas de kaiak en Santa Cruz (5, 10 e 26 de xullo) e as rutas guiadas polas praias de Bastiagueiro e Santa Cristina o día 23. O día anterior (22 de xullo) impartirase un obradoiro de “Comida para levar á praia”, que complementará ao “Concurso Masterchef” programado do 8 ao 11 de xullo en quendas de mañá e tarde. A oferta complétase con actividades de dinamización como o obradoiro da Bandeira do Orgullo (do 1 ao 3), torneos de billar (4 e 5), customización de roupa (15 e 16), “Humor Amarelo” no Monte de San Pedro de Nós (17), o picnic saudable “Eres o que comes” (do 19 ao 22) e o obradoiro de iniciación na radio “Mociradio” do 29 ao 31 de xullo. Ao ser as prazas limitadas, é imprescindible realizar a inscrición previa a través dos canles habituais das Casas da Mocidade.
As actividades, así coma todos os servizos das Casas da Mocidade, están destinados a todas as persoas de entre 12 e 30 anos e contan con numerosos espazos de lecer para xogar, cociñar, descansar e gozar nun entorno xuvenil. Para iso, as instalacións están totalmente equipadas con cociña, consolas, zona chill-out exterior, futbolín, billar, ping-pong e dardos. O goberno local convida á mocidade a participar nestas propostas deseñadas para promover o lecer e o benestar durante as vacacións.

