O portavoz socialista trasladou á veciñanza que esta conexión permitirá desconxestionar o tráfico de Fontiñas, crear máis de 300 novas prazas de estacionamento e mellorar a integración urbana entre Fontiñas e San Roque
Fernández lamenta a pasividade da Xunta e do Goberno de Candia ante unha actuación estratéxica que o anterior Executivo xa puxera sobre a mesa como prioridade para a cidade
O líder socialista planifica impulsar un centro sociocultural que dea servizo á poboación de Fontiñas, San Roque e Augas Férreas como novo espazo de convivencia veciñal e que peche a rde municipal na zona sur entre o Maruja mallo e o equipamento sociocultural de Fingoi
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, mantivo un encontro con representantes do tecido asociativo e con veciños e veciñas de Fontiñas e San Roque para analizar as necesidades presentes e futuras desta contorna, unha reunión na que trasladou a súa folla de ruta para resolver os principais problemas de mobilidade e dotación de equipamentos públicos que afectan a esta parte da cidade.
- O portavoz socialista trasladou á veciñanza que esta conexión permitirá desconxestionar o tráfico de Fontiñas, crear máis de 300 novas prazas de estacionamento e mellorar a integración urbana entre Fontiñas e San Roque
- Fernández lamenta a pasividade da Xunta e do Goberno de Candia ante unha actuación estratéxica que o anterior Executivo xa puxera sobre a mesa como prioridade para a cidade
- O líder socialista planifica impulsar un centro sociocultural que dea servizo á poboación de Fontiñas, San Roque e Augas Férreas como novo espazo de convivencia veciñal e que peche a rde municipal na zona sur entre o Maruja mallo e o equipamento sociocultural de Fingoi
Durante a visita, Fernández asegurou que a culminación da Avenida Vilaverde constitúe a actuación máis importante e estratéxica para mellorar a mobilidade na zona leste de Lugo, ao permitir unha redistribución máis eficiente dos fluxos de tráfico e aliviar a elevada intensidade circulatoria que soporta actualmente a Avenida de Fontiñas.
“O desenvolvemento da Avenida Vilaverde non é simplemente abrir unha nova rúa. É ordenar urbanisticamente toda esta parte da cidade, crear unha alternativa real aos desprazamentos actuais e preparar Fontiñas para o Lugo das próximas décadas”, afirmou o portavoz socialista.
Segundo explicou, a execución deste vial permitiría canalizar unha parte importante do tráfico que hoxe se concentra na Avenida de Fontiñas, mellorar os itinerarios de desprazamentos internos na cidade e crear ademais ao redor de 300 novas prazas de estacionamento, respondendo así a unha das principais demandas trasladadas pola veciñanza.
Fernández destacou ademais que a actuación vai moito máis alá da mobilidade. “A conexión definitiva da Avenida Vilaverde permitirá completar a estrutura urbana desta zona, crear novas mazás conectando as dúas avenidas mediante rúas transversais nos carrís que agora están pechados, e facilitar unha comunicación peonil moito máis cómoda e segura entre Fontiñas, San Roque e a zona alta da cidade.”
O líder socialista lembrou que esta proposta xa fora trasladada fai un ano á Xunta de Galicia como unha actuación prioritaria para Lugo. “Por desgraza, atopamos a mesma resposta de sempre: silencio e inacción. Nin o Goberno de Alfonso Rueda entón nin o Executivo local de Candia agora, moveron un só papel para facer realidade un proxecto fundamental para esta zona da cidade”, denunciou.
“Nós deixamos clara a nosa posición. Se Candia continúa instalada na parálise, este será un dos proxectos que asumiremos como prioritarios no noso regreso á Alcaldía. Lugo non pode seguir perdendo oportunidades por culpa da falta de ambición e de planificación do actual Goberno municipal”, engadiu.
Fernández traballa en completar a rede de centros socioculturais cun novo equipamento
Durante o encontro coa veciñanza tamén se abordou a necesidade de reforzar os servizos públicos e os espazos de participación cidadá. Neste sentido, Miguel Fernández anunciou a súa intención de impulsar un novo centro sociocultural para a zona sur da cidade, destinado a prestar servizo aos barrios de Fontiñas, San Roque e Augas Férreas.
“O enorme crecemento residencial desta contorna, especialmente en Montirón, debe seracompañado da creación de equipamentos municipais que foemnten o desenvolvemento cultural, ecuativo e que funcionen como nexo de conexión social. Con esta proposta pretendemos dar cobertura a miles de veciños e veciñas habilitando un espazo de referencia para desenvolver actividades culturais, sociais e asociativas. Iso tamén forma parte da calidade de vida e da cidade que queremos construír”, explicou.
Fernández destacou que este tipo de encontros permiten coñecer de primeira man as preocupacións da cidadanía e elaborar proxectos adaptados ás necesidades reais dos barrios. “Nós seguimos facendo o que sempre fixemos: escoitar, planificar e propoñer solucións. Outros dedícanse á propaganda; nós seguimos traballando para construír o Lugo do futuro.”
Finalmente, o portavoz socialista comprometeuse a manter unha interlocución permanente co tecido asociativo da zona para facer un seguimento destas actuacións e incorporar novas demandas veciñais á folla de ruta do Grupo Municipal Socialista. “As transformacións importantes non nacen dos despachos; nacen do diálogo coa veciñanza. Ese seguirá sendo o noso modelo de cidade”, concluíu.

