Jorge Bustos acusa a Candia de non dar nin un só paso administrativo para que Lugo conte cunha praia fluvial

Redacción

O concelleiro socialista denuncia que o Concello nunca tramitou ningunha documentación nin solcitou ningún pemriso para instalar unha zona pública de baño e que o único existente era un permiso temporal de dez días solicitado por un club deportivo para unha competición

Bustos advirte de que unha praia fluvial require servizos, infraestruturas e garantías de seguridade inexistentes hoxe nas Saamasas e acusa a Candia de crear falsas expectativas entre a cidadanía

O PSOE insta ao Goberno local a abandonar a improvisación e executar a folla de ruta deixada polo anterior Executivo para crear unha auténtica praia fluvial entre Os Robres e a Fábrica da Luz

O concelleiro do Grupo Municipal Socialista, Jorge Bustos, denunciou hoxe que o suposto proxecto de praia fluvial anunciado por Candia “non existe máis que na propaganda do seu Goberno” e asegurou que este episodio “retrata perfectamente a forma de gobernar do actual Executivo: improvisación, anuncios sen respaldo administrativo e utilización da comunicación institucional para vender proxectos ficticios”.

Bustos explicou que, fronte ao relato construído polo Goberno local, o Concello de Lugo non iniciou en ningún momento ningún procedemento administrativo para habilitar oficialmente unha zona pública de baño no río Miño. “É radicalmente falso afirmar que existía un proxecto de praia fluvial en marcha. O único que había era unha autorización temporal, limitada a apenas dez días, solicitada por un club deportivo da cidade para instalar un pantalán con motivo dunha competición deportiva. Pretender converter ese permiso puntual nunha praia fluvial é, simplemente, enganarlle á cidadanía”, afirmou.

O edil socialista lembrou ademais que o lugar onde se pretendía instalar ese pantalán presenta un nivel de protección ambiental superior ao da zona situada augas abaixo,entre Acea de Olga e a Tolda, onde o anterior Goberno municipal impulsou en anos anteriores un proxecto de acceso público ao río que foi torpedeado unha e outra vez polo Gobenro autonómico.

“Nese momento a Xunta argumentou reiteradamente que un sistema de pantaláns podía afectar á fauna fluvial e utilizou esa xustificación para dificultar a actuación. Agora, curiosamente, ese mesmo sistema deixa de ser un problema cando serve para alimentar unha campaña de propaganda do Partido Popular. O argumento técnico segue sendo exactamente o mesmo e a alcaldesa sábeo perfectamente, pero prefire ocultárllelo á cidadanía en vez de iniciar o proceso necesario para culminar o proxeto iniciado por Miguel Fernández como alcalde”, denunciou.

Bustos insistiu en que unha praia fluvial non se constrúe colocando un pantalán durante uns días. “Unha auténtica zona pública de baño require vestiarios, zonas de estancia e lecer, accesos seguros, servizo de socorrismo, sinalización específica, equipamentos e todas as garantías técnicas e de seguridade necesarias para autorizar o baño. Hoxe non existe absolutamente nada diso. O que hai é unha fotografía e unha campaña de propaganda”, sinalou.

Segundo o concelleiro socialista, presentar esa realidade como se Lugo estivese a piques de contar cunha praia fluvial “constitúe un exercicio de publicidade institucional enganosa” que só busca xerar titulares e expectativas que despois nunca se materializan. “Candia pretende vender unha praia que non existe porque non hai proxecto, nin expediente, nin autorización, nin servizos. Hai un permiso deportivo de dez días que intenta disfrazar dunha actuación estrutural para ocultar a súa falta absoluta de planificación”, afirmou.

Jorge Bustos contrapuxo esta forma de actuar coa folla de ruta deixada polo anterior Goberno municipal, que contemplaba un proxecto real para crear unha zona pública de baño entre Os Robres e a Fábrica da Luz, integrada nun plan máis amplo de recuperación das marxes do Miño e complementada coa futura piscina pública das Saamasas.

Neste sentido, lembrou que as actuacións iniciadas na contorna da Fábrica da Luz só foron retomadas grazas á insistencia pública do portavoz socialista, Miguel Fernández, despois de advertir ao actual Goberno de que non podía deixar caer un proxecto estratéxico para a cidade. Ademais, subliñou que os permisos necesarios ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa foran tramitados e obtidos polo anterior Executivo municipal para eta zona. “cabdia non tramitou nada”, afirmou.

“O actual Goberno local actuou, unha vez máis, mal, tarde e a rastro. Limitouse a executar unha pequena parte do proxecto que xa atopou preparado e pretende agora apropiarse del mentres vende á cidadanía unha praia fluvial inexistente. Lugo merece moito máis respecto institucional”, asegurou.

Para Bustos, este episodio evidencia un modelo de xestión baseado na improvisación permanente. “Primeiro anuncian grandes proxectos sen documentación; despois intentan convertelos en realidade sobre a marcha; e cando aparecen as dificultades botan balóns fóra. Esa é a diferenza entre gobernar con planificación e gobernar a golpe de titular”, afirmou.

Finalmente, o edil socialista instou ao Executivo local a abandonar “as operacións de maquillaxe mediática” e centrarse en executar os proxectos que realmente poden transformar a cidade. “Se Candia quere que Lugo conte cunha auténtica praia fluvial, o que ten que facer é deixar a propaganda, cumprir os prazos e executar a folla de ruta que xa deixamos preparada. Lugo necesita investimentos serios, planificación e rigor, non anuncios efémeros pensados para conseguir unha fotografía. A cidade merece un Goberno que constrúa realidades, non ilusións de verán”, concluíu Jorge Bustos.

Comparte este artigo