O portavoz socialista formalizou esta mañá a súa candidatura convencido de que o PSOE volverá liderar un proxecto de futuro baseado no crecemento económico, a calidade de vida e a defensa dos servizos públicos
“Afróntoo con máis ganas ca nunca, cunha enorme ilusión e con toda a enerxía para volver poñer Lugo onde merece estar”, afirma Fernández tras completar o primeiro paso do proceso interno
O líder socialista reivindica o legado do anterior Goberno municipal e asegura que o seu proxecto volverá situar ás persoas no centro das políticas públicas para recuperar a confianza maioritaria da cidadanía
O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, rexistrou esta mañá a súa candidatura para concorrer ás primarias do PSdeG á Alcaldía de Lugo, un trámite que cualificou como “o primeiro paso para recuperar o proxecto transformador que modernizou a cidade e devolvela á senda de progreso interrompida pola moción de censura”.
- O portavoz socialista formalizou esta mañá a súa candidatura convencido de que o PSOE volverá liderar un proxecto de futuro baseado no crecemento económico, a calidade de vida e a defensa dos servizos públicos
- “Afróntoo con máis ganas ca nunca, cunha enorme ilusión e con toda a enerxía para volver poñer Lugo onde merece estar”, afirma Fernández tras completar o primeiro paso do proceso interno
- O líder socialista reivindica o legado do anterior Goberno municipal e asegura que o seu proxecto volverá situar ás persoas no centro das políticas públicas para recuperar a confianza maioritaria da cidadanía
Fernández sinalou que inicia este proceso “con máis ganas ca nunca, cunha enorme ilusión e con toda a enerxía” para volver ofrecer á cidadanía un proxecto sólido, ambicioso e pensado para continuar construíndo o Lugo do futuro.
“Este é o primeiro paso para recuperar un modelo de cidade que demostrou con feitos que era capaz de transformar Lugo, de impulsar o seu crecemento económico, mellorar a calidade de vida da veciñanza, reforzar o escudo social e proxectar a nosa cidade dentro e fóra de Galicia”, afirmou.
O líder socialista explicou que a primeira etapa deste proceso pasa por solicitar novamente a confianza da militancia. “Agora corresponde ratificar o apoio dos meus compañeiros e compañeiras. É un paso fundamental porque o noso partido sempre entendeu que as decisións importantes deben tomarse desde a participación e o respaldo colectivo”, indicou.
Fernández asegurou que, unha vez concluído o proceso interno, o obxectivo será trasladar á cidadanía unha proposta renovada que continúe situando ás persoas como prioridade absoluta da acción política. “Queremos seguir construíndo unha cidade máis moderna, máis dinámica, con mellores oportunidades para a mocidade, con máis vivenda accesible, con máis emprego, con mellores barrios e cun rural forte. En definitiva, unha cidade na que a mellora da calidade de vida siga sendo o eixo de todas as decisións”, explicou.
“A nosa candidatura nace para recuperar un proxecto de cidade, non un cargo. Nace para devolverlle a Lugo o impulso que perdeu neste último tempo e para volver situar ás persoas por riba de calquera outro interese. Porque cando se goberna pensando na veciñanza, Lugo avanza; cando se goberna pensando noutras prioridades, quen perde sempre é a cidade.”
O portavoz socialista reivindicou o traballo desenvolvido polo Goberno progresista durante os últimos anos, lembrando que Lugo viviu unha das etapas de maior transformación da súa historia recente. “Ata a vergonzosa moción de censura demostramos que outra forma de gobernar era posible. Non falamos de promesas; falamos de resultados. Avalan o noso traballo os datos económicos, a imaxe dunha cidade máis moderna, o impulso do turismo, a mellora dos servizos públicos, os investimentos realizados e a confianza que Lugo recuperou dentro e fóra da nosa comunidade”, sostivo.
“Lugo necesita recuperar a dignidade institucional, a estabilidade e un Goberno que pense exclusivamente na cidade. A moción de censura supuxo unha ruptura abrupta dun proxecto que estaba transformando Lugo e que contaba cunha folla de ruta clara para seguir avanzando. Hoxe esa planificación foi substituída pola improvisación”, indicou.
O candidato socialista destacou que afronta esta nova etapa coa experiencia adquirida durante os anos de goberno, pero tamén coa ambición de seguir mellorando a cidade. “Temos proxectos preparados para seguir transformando Lugo. Sabemos cara onde queremos ir e sabemos como facelo porque xa o demostramos. Agora toca volver construír unha maioría arredor dun proxecto ilusionante para toda a cidade”, manifestou.
Finalmente, Miguel Fernández agradeceu o apoio recibido nas últimas semanas tanto por parte da militancia como de numerosos veciños e veciñas. “Sinto o cariño e a confianza de moita xente, e iso dálle aínda máis forza a este paso que damos hoxe. Afróntoo con humildade, con responsabilidade e coa firme convicción de que o mellor para Lugo está aínda por chegar. Imos traballar para recuperar a Alcaldía e continuar transformando esta cidade desde a proximidade, o diálogo e a boa xestión”, concluíu.
LINK INSTAGRAM: https://www.instagram.com/reel/DaUtNm-impx/?igsh=MWdjbWpzamFoMjJvMA==
LINK FACEBOOK: https://www.facebook.com/share/r/17rzcfFDVc/

