A Romaría de San Benito de Lantaño volverá a reuir tradición, música e actividades para toda a familia os días 11 e 12 de xullo

Redacción

A concelleira de Cultura, Ana Peña, presentou xunto á Comisión de Festas a programación  dunha das citas festivas máis emblemáticas do concello de Portas.

A Romaría de San Benito de Lantaño volverá converter os días 11 e 12 de xullo nun punto de encontro para centos de fieis e visitantes. A concelleira de Cultura, Ana Peña, presentou, xunto coa Comisión de Festas de San Benito, a programación dunha edición que combinará os tradicionais actos relixiosos con música, actividades infantís, unha exposición fotográfica e a xa consolidada Festa da Espuma.

Durante a presentación, na que participaron integrantes da Comisión de Festas, destacouse o traballo realizado ao longo dos últimos meses para confeccionar un programa pensado para preservar unha das tradicións máis arraigadas do municipio e ofrecer, ao mesmo tempo, unha ampla oferta de lecer para veciñanza e visitantes de todas as idades.

A programación comezará o sábado 11 de xullo cun amplo horario de misas ás 9:00, 10:00, 11:00, 12:00, 18:00, 19:00 e 20:00 horas. Ás 10:00 horas terá lugar o pasarrúas e actuación da Banda de Música Unión de Lantaño, mentres que ás 13:00 horas celebrarase a Misa Solemne, cantada polo Coro Parroquial de Briallos, seguida da tradicional procesión e dunha tirada de fogos.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, os máis pequenos poderán desfrutar dun inchable gratuíto, e a partir das 21:00 horas dará comezo a gran verbena coa actuación da Charanga Ardores, o Dúo Almanova de Vigo e DJ Isi M.

O domingo 12 de xullo, a partir das 19:00 horas, a Carballeira de San Benito acollerá unha gran xornada dedicada ao público familiar coa Festa Infantil e a Festa da Espuma, organizadas por Mundo Máxico, que incluirán tamén touro mecánico, inchables, pintacaras e globoflexia, converténdose nun dos momentos máis esperados da fin de semana.

A programación incluirá tamén unha campaña solidaria de recollida de material escolar, impulsada pola Biblioteca de Portas, que terá lugar o domingo 12 de xullo na capela de San Benito. As persoas asistentes poderán colaborar doando mochilas, carpetas, cadernos de escritura e lectura, compases, gomas, lapis, material de pintura e outro material escolar, novo ou de segunda man en bo estado, co obxectivo de apoiar ás familias que máis o precisan de cara ao vindeiro curso escolar.

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA SOBRE A MEMORIA COLECTIVA

Ademais, como novidade desta edición, a Romaría de San Benito acollerá unha exposición fotográfica dedicada á memoria colectiva de Lantaño. A mostra reunirá imaxes antigas cedidas pola veciñanza que recollen momentos da romaría, as procesións, as festas, as reunións familiares, a vida cotiá e os labores do campo, co obxectivo de preservar e poñer en valor o patrimonio histórico e sentimental da parroquia. A iniciativa nace grazas á colaboración dos veciños e veciñas, que responderon ao chamamento da Comisión de Festas achegando fotografías que permitirán realizar unha viaxe pola historia de Lantaño a través dos seus recordos.

A programación complétase coa celebración da novena a San Benito, que terá lugar os días 30 de xuño e 1, 2, 3, 6, 7, 8 e 9 de xullo ás 20:15 horas na capela de San Benito de Lantaño.

A concelleira Ana Peña destacou a importancia de manter vivas as tradicións que forman parte da identidade de Portas e agradeceu o esforzo e a implicación da Comisión de Festas, así como a colaboración da veciñanza, patrocinadores e entidades que fan posible a organización desta romaría.

Pola súa banda, a Comisión de Festas convidou á veciñanza e aos visitantes a participar nunha celebración que cada ano reúne fe, cultura, gastronomía e lecer nun ambiente de convivencia, consolidándose como unha das citas festivas máis destacadas do verán no municipio.

Comparte este artigo