O alcalde asistiu á reapertura total da vía logo dos traballos de emerxencia executados “en tempo récord”
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, concelleiros e concelleiras do goberno municipal asistiron esta mañá á reapertura total da rúa Pena Trevinca, logo das obras de remodelación realizadas polo Concello, motivadas polo afundimento que se producira a comezos de ano. “Fixemos unha obra de emerxencia en tempo récord e quedou de marabilla, no corazón do barrio de San Francisco”, asegurou o rexedor.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo detallou que o afundimento da parte central da rúa se producira a causa dunhas fisuras nun colector de máis de 50 anos de antigüidade que pasaba debaixo da vía. De feito, explicou que “unha das partes máis importantes desta obra non se vai ver”, incidindo na singularidade desta intervención: “é unha obra hidráulica practicamente única de momento en España a nivel de manga, cunha galería de 1 metro por 1 metro e de tanta extensión, colocada e curada con luz ultravioleta”.
En superficie, levouse a cabo “unha humanización do estilo que levamos facendo en moitas rúas da cidade, como Celso Emilio Ferreiro, para gañar zonas verdes e espazos de descanso. Tamén se cambiou a baldosa hidráulica por pedra e, debido á gran deterioración que a obra supuxo para as vías, asfaltamos ata o cruzamento con Pardo Bazán”. Lorenzo subliñou que os traballos se completaron “en tempo récord, porque realmente foron 5 meses de execución, e hoxe a rúa queda aberta ao público completamente para a circulación e para o desfrute de todo o barrio”.
Pérez Jácome relatou que “os veciños agora nos piden que sigamos para completar a rúa desde o principio ata o final, e obviamente farémolo no futuro. Imos mellorar todas as rúas de Ourense que haxa que mellorar”, aseverou, aínda que “o problema é que non se poden facer todas de golpe”.
“Estamos contentos porque seguimos facendo obras nos barrios, que realmente é un dos factores que nos diferencian. Hoxe é un bo día para Ourense e, en concreto, para San Francisco”, concluíu o alcalde.

