O portavoz socialista considera que renunciar á transformación financiada con fondos europeos da Estratexia Novo Norte supón perder unha oportunidade histórica para modernizar o barrio máis poboado da cidade.
Fernández solicitará formalmente á alcaldesa que rectifique e denuncia que “Candia rexeita proxectos unicamente porque foron impulsados polo anterior Goberno, aínda que iso prexudique gravemente aos intereses de Lugo”.
O líder socialista lembra que a Avenida da Coruña deixou de ser unha vía de entrada e saída da cidade e defende completar a Segunda Rolda para canalizar o tráfico interno e recuperar espazo para as persoas.
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, cualificou hoxe de “gravísimo erro estratéxico” a decisión do Goberno de Candia de frear a reforma integral da Avenida da Coruña, unha actuación incluída na Estratexia Novo Norte e financiada con fondos europeos que, segundo advertiu, representaba “a maior oportunidade das últimas décadas para transformar urbanística, económica e socialmente a zona norte de Lugo”.
- O portavoz socialista considera que renunciar á transformación financiada con fondos europeos da Estratexia Novo Norte supón perder unha oportunidade histórica para modernizar o barrio máis poboado da cidade.
- Fernández solicitará formalmente á alcaldesa que rectifique e denuncia que “Candia rexeita proxectos unicamente porque foron impulsados polo anterior Goberno, aínda que iso prexudique gravemente aos intereses de Lugo”.
- O líder socialista lembra que a Avenida da Coruña deixou de ser unha vía de entrada e saída da cidade e defende completar a Segunda Rolda para canalizar o tráfico interno e recuperar espazo para as persoas.
Fernández anunciou que solicitará formalmente á alcaldesa que reconsidere esta decisión e lamentou que o actual Executivo “volva antepoñer os seus intereses partidistas ao futuro da cidade”. “Candia está demostrando que é capaz de renunciar a proxectos estratéxicos simplemente porque non levan a súa sinatura. É unha forma de gobernar profundamente lesiva para os intereses de Lugo”, afirmou.
O líder socialista lembrou que a zona norte concentra a maior densidade de poboación do municipio e, ao mesmo tempo, presenta un urbanismo propio do século XX que require unha profunda modernización. “Falamos dos barrios con maior necesidade de espazos públicos, zonas verdes, itinerarios peonís seguros e lugares de convivencia. Renunciar agora a esta transformación é condenar durante anos a miles de veciños e veciñas a seguir convivindo cun modelo urbano claramente superado”, explicou.
Miguel Fernández incidiu en que a reforma da Avenida da Coruña, que foi consensuada co tecido asociativo da zona, non respondía a un criterio estético, senón a unha planificación integral da mobilidade da cidade. “A realidade dos movementos de tráfico mudou completamente nos últimos anos e Candia parece descoñecela. A Avenida da Coruña deixou hai tempo de cumprir a función de principal acceso á cidade. Hoxe esa función corresponde á Avenida Infanta Elena, unha infraestrutura moito mellor dimensionada para absorber o tráfico de entrada e saída”, sinalou.
Neste contexto, explicou que o proxecto elaborado polo anterior Goberno apostaba por converter a Avenida da Coruña nun gran bulevar urbano, gañando espazo para os peóns, mellorando a accesibilidade, incrementando as zonas verdes e fortalecendo a actividade económica da que é a avenida comercial máis longa de Galicia. “As cidades máis modernas están reducindo espazo ao vehículo privado nas súas grandes avenidas para devolvelo ás persoas e dinamizar o comercio de proximidade. Candia pretende facer exactamente o contrario: manter un modelo completamente superado”, criticou.
Fernández lembrou ademais que esta actuación que contempla a unidireccionalidade da avenida estaba directamente vinculada á culminación da Segunda Rolda, unha infraestrutura imprescindible para canalizar o tráfico interno norte-sur e reducir a presión circulatoria sobre a Avenida da Coruña. Neste sentido, insistiu en que resulta prioritario executar dúas actuacións xa previstas polo anterior Goberno: eliminar o tapón existente na contorna de Dona Urraca e conectar a rúa Escultor Asorei coa rúa Amizade mediante as correspondentes expropiacións.
“Eses dous puntos son fundamentais para completar un itinerario alternativo que permita distribuír o tráfico de maneira racional. Só así terá sentido transformar definitivamente a Avenida da Coruña nun espazo pensado para as persoas e non para converterse nunha autovía urbana”, explicou.
O portavoz socialista lamentou que o Goberno local estea paralizando unha das actuacións máis ambiciosas previstas na Estratexia Novo Norte, precisamente cando existía financiamento europeo comprometido para a súa execución. “Europa aposta por cidades máis sostibles, máis humanas e máis competitivas. Candia aposta por frear esa transformación e condenar Lugo aos veciños da Milagrosa, barrio Feijoó ou Piringalla ao inmobilismo”, afirmou.
“Lugo necesita gobernantes capaces de pensar máis aló do presente inmediato. Necesita proxecto, visión e ambición. Porque unha cidade non retrocede de golpe; retrocede cando deixa de planificar, cando paraliza as súas transformacións e cando substitúe a estratexia polos intereses curtoplacistas”, indicou o veceiro.
Finalmente, Miguel Fernández advertiu das consecuencias que, ao seu xuízo, terá esta forma de gobernar. “Cada decisión que toma Candia confirma que carece dun proxecto de cidade. Gobérnase pensando no curto prazo e na contraposición política, non nas necesidades futuras de Lugo. Se continúa por este camiño, un ano de Goberno de Candia fará perder á nosa cidade unha década enteira de avances. Lugo non pode permitirse ese luxo”, concluíu.

