- Martínez e Rey advirten da falta de mantemento, da proliferación de especies invasoras e do deterioro dunha das sendas naturais máis utilizadas da cidade
- Os populares lamentan que o BNG de Lores inaugure novos itinerarios na zona mentres descoida a conservación deste espazo histórico que percorren a diario centos de persoas
Os concelleiros do Partido Popular de Pontevedra Martín Martínez e Bea Rey realizaron un paseo informativo pola senda peonil das marismas de Alba ata a fonte das Nuncias, no ámbito da Xunqueira da Gándara, para denunciar “o estado de abandono e deterioro que presenta este espazo natural” de gran valor ambiental e paisaxístico.
Durante a visita, Martínez puxo en valor que “as marismas de Alba son un dos espazos naturais máis valiosos da cidade” pero ao mesmo tempo deixou en evidencia que, na actualidade, “sofren un preocupante estado de deterioro pola falta de mantemento do Concello de Pontevedra”.
O edil popular sinalou que ao longo do percorrido é evidente “a presenza de especies invasoras, a proliferación da maleza que invade a senda peonil e as pontes e o progresivo deterioro dun enclave que debería ser un exemplo de protección ambiental para a cidadanía”.
Fronte a esta imaxe de abandono, que “pon en risco un dos lugares con maior riqueza de flora e fauna da cidade”, lembrou que esta senda é utilizada a diario por centos de persoas para pasear e practicar deporte. “Levamos tempo recibindo as queixas dos usuarios, que denuncian o abandono deste espazo e reclaman actuacións para conservalo nas condicións que merece”, afirmou.
O PP de Pontevedra tamén puxo o foco na contradición do Goberno local do BNG en materia de conservación, ao considerar chamativo que o alcalde inaugure novas sendas na zona, como a que une a Xunqueira da Gándara co parque forestal da Tomba, mentres esquece por completo o mantemento dunha senda histórica como a das marismas de Alba.
Os populares insistiron na importancia de reforzar as tarefas de mantemento, desbroce e protección de espazos naturais coma este, para que “non continúen degradándose pola falta de atención” dos responsables municipais.
“O coidado e a conservación das marismas de Alba son fundamentais para garantir a súa preservación e para que as futuras xeracións poidan seguir gozando deste patrimonio natural”, concluíu Martínez.

