Máis de 1.400 persoas participan na romaría de Alternativa dos Veciños

Redacción

A Finca Tenreiro, en San Pedro de Nós, acolleu a oitava edición da romaría anual de Alternativa dos Veciños, que reuniu a máis de 1.400 persoas nunha xornada de convivencia, participación e agradecemento a todas as persoas que, co seu apoio e compromiso, fan posible este proxecto político.

A cita desenvolveuse nun excelente ambiente festivo, con música en directo, actividades para os cativos e un xantar popular que reuniu a familias, simpatizantes e veciñanza de distintos puntos da comarca.

Coa forza do constante apoio cidadán, Alternativa dos Veciños volverá concorrer ás próximas eleccións municipais, que se celebrarán en maio de 2027. O obxectivo é consolidar o modelo de xestión desenvolvido en Oleiros e seguir trasladando este proxecto político aos concellos nos que a formación xa está presente, como Bergondo, Cambre, Culleredo, Arteixo, A Coruña, Cangas, Carral ou Fisterra, onde volverá presentar candidaturas nas próximas eleccións.

Na actualidade, Alternativa goberna en Oleiros, cogoberna en Bergondo e conta con representación institucional en Cambre, Culleredo, Cangas, Arteixo e A Coruña. Nesta lexislatura, os veciños e veciñas de Carral e Fisterra tamén lle outorgarán a alcaldía a Alternativa dos Veciños, pero ambos proxectos foron interrompidos por mocións de censura golpistas que alteraron a vontade expresada nas urnas e impediron dar continuidade ó proxecto avalado pola cidadanía.

Comparte este artigo