A Xunta enxalza a calidade diferenciada como ferramenta para xerar valor engadido e fixar poboación no rural

Redacción

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, asistiu hoxe á XX Festa do Tinto Rías Baixas, que se celebra esta fin de semana no concello pontevedrés das Neves. Durante a súa intervención, puxo en valor a calidade diferenciada como unha ferramenta estratéxica para incrementar o valor engadido das producións agroalimentarias, mellorar a rendibilidade das explotacións e contribuír á creación de emprego e á fixación de poboación nas contornas rurais.

Neste contexto, salientou que Galicia conta con cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra) e cinco Indicacións Xeográficas Protexidas (Barbanza e Iria, Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Terras do Navia e Val do Miño-Ourense), que representan máis do 50 % do valor económico da calidade diferenciada galega. Ademais, destacou que este sistema de certificación baséase na orixe, na calidade, na trazabilidade e no control, elementos que achegan confianza ao consumidor e prestixio aos viños galegos.

Alemparte quixo poñer o foco tamén na importancia desta festa para visibilizar a riqueza e diversidade da viticultura galega, destacando que os viños tintos das Rías Baixas constitúen unha produción singular, elaborada con variedades autóctonas e cunha marcada personalidade atlántica, que contribúe a ampliar a oferta vitivinícola de Galicia e a abrir novas oportunidades de mercado para os produtores.

Finalmente, o director incidiu en que eventos como esta festa contribúen a achegar o consumidor ao territorio, aos viticultores e ás adegas, reforzando o vínculo entre produto, paisaxe e identidade, e consolidando o viño como un dos grandes embaixadores da calidade diferenciada galega

Comparte este artigo