- Os deputados nacionais Irene Garrido e Pedro Puy comprobaron de primeira man, xunto cos veciños, a falta de seguridade da estrada entre Redondela e Peinador.
- Veciños de Cedeira, Santo Estevo de Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta alertaron da ausencia de beiravías, da falta de mantemento e desbroce, das altas velocidades e das inundacións en vivendas e propiedades.
- As familias trasladaron especialmente a súa preocupación pola perigosidade dos desprazamentos a pé e do acceso dos nenos e nenas ao transporte escolar.
O Partido Popular levará ao Congreso dos Deputados a grave situación da estrada N-555 entre Redondela e o aeroporto de Peinador para reclamar ao Goberno central unha solución ás deficiencias de seguridade viaria que padecen os veciños da zona.
O compromiso produciuse logo da reunión celebrada o pasado venres día 10 con veciños das parroquias de Cedeira, Santo Estevo de Negros, Cabeiro e Vilar de Infesta, na que participaron os deputados nacionais Irene Garrido e Pedro Puy, o presidente e portavoz do PP de Redondela, Javier Bas, e concelleiros do grupo municipal popular.
Durante o encontro, os veciños explicaron as dificultades que afrontan diariamente nunha estrada marcada pola falta de beiravías e de espazos seguros para camiñar, a ausencia de mantemento periódico, a maleza que invade as marxes, a escasa visibilidade nalgúns puntos e a velocidade á que circulan numerosos vehículos.
Estas deficiencias resultan especialmente graves no tramo inicial comprendido entre a rotonda de Redondela e o cruce do barrio de Fortóns, onde apenas existe espazo para o tránsito peonil e onde os veciños deben compartir unha vía estreita cunha circulación constante de turismos e vehículos pesados.
As familias puxeron especial énfase na inseguridade que padecen os nenos e nenas cando deben acceder ás paradas do transporte escolar. En determinados puntos teñen que camiñar pola propia calzada ou agardar en zonas sen protección suficiente, unha situación que se agrava durante os meses de inverno, con menos luz e condicións meteorolóxicas adversas.
Na reunión denunciáronse tamén os problemas provocados pola falta dunha correcta recollida e canalización das augas pluviais. Durante os episodios de choiva, a auga procedente da estrada acumúlase ou discorre cara a distintas propiedades, provocando inundacións en vivendas, terreos e accesos.
Outro dos puntos que require unha actuación específica é o tramo de Santo Estevo de Negros situado nas proximidades da igrexa parroquial, do cemiterio e do centro cultural. Trátase dunha zona con presenza habitual de peóns e actividade veciñal na que resulta necesario mellorar os accesos e garantir desprazamentos seguros.
A N-555 non é unicamente unha estrada de acceso ao aeroporto. É tamén a vía que utilizan diariamente os veciños destas parroquias para achegarse ao centro de Redondela, acceder ao comercio e aos servizos e desprazarse aos centros educativos.
Irene Garrido: “Non estamos ante unha demanda puntual nin ante un problema menor”
Irene Garrido asegurou que «tras escoitar a información trasladada polos veciños e comprobar de primeira man o estado da estrada, queda claro que a N-555 se atopa nunha situación penosa e que necesita unha actuación seria por parte do Goberno central».
A deputada nacional subliñou que «non estamos ante unha demanda puntual nin ante un problema menor. Falamos dunha estrada nacional que condiciona a vida diaria de centos de persoas e na que hoxe non están garantidas unhas condicións mínimas de seguridade para os peóns».
Garrido anunciou que «o Partido Popular levará ao Congreso a grave situación da N-555 para que o Goberno central deixe de mirar cara a outro lado e dea unha solución ás necesidades desta estrada».
A representante popular defendeu que o Ministerio de Transportes debe realizar un estudo integral de seguridade viaria de todo o percorrido entre Redondela e Peinador, que permita identificar os puntos de maior risco e establecer as prioridades de actuación.
Ese estudo deberá analizar, entre outras medidas, a creación ou ampliación de beiravías, a habilitación de itinerarios peonís seguros, as melloras da sinalización e da iluminación, as medidas para reducir a velocidade, o acondicionamento das paradas do transporte escolar, a limpeza e o desbroce das marxes e as actuacións necesarias para evitar as inundacións que afectan a vivendas e propiedades.
Bas lembrou que xa reclamara actuacións de seguridade viaria en Santo Estevo de Negros e a realización dun estudo de toda a N-555 no Congreso
Pola súa banda, Javier Bas lembrou que xa defendera no Congreso unha proposta para reclamar actuacións de seguridade viaria en Santo Estevo de Negros e a realización dun estudo de todo o percorrido da N-555 que servise de base para establecer as prioridades de actuación. A proposta foi rexeitada polo PSOE.
Bas sinalou que a reunión permitiu trasladar directamente aos deputados nacionais «un problema que os veciños levan sufrindo desde hai demasiados anos e que require unha resposta global, non actuacións illadas».
Nos últimos anos producíronse diversos accidentes nesta estrada, algúns deles graves, que evidencian a necesidade de actuar. Con todo, Irene Garrido insistiu en que o problema vai máis alá da sinistralidade rexistrada.
«O máis preocupante é a inseguridade cotiá: persoas que non poden camiñar con seguridade, familias que teñen dificultades para acceder ás paradas escolares e veciños que sofren inundacións nas súas vivendas e propiedades cada vez que se producen choivas intensas. Esa é a realidade que imos levar ao Congreso», concluíu.

