• O líder dos populares asegura que “os pontevedreses merecen unha cidade limpa e coidada. É o mínimo que se pode esixir co contrato máis caro da historia do Concello de Pontevedra”
• O PP segue recibindo queixas de veciños e comerciantes que denuncian o estado das rúas e prazas do centro, o abandono de barrios e parroquias, a sucidade acumulada, a deterioración do mobiliario urbano e mesmo a proliferación de ratas
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, instou ao Gobierno local do BNG para adoptar as medidas necesarias para mellorar de forma substancial a limpeza viaria e a xestión dos residuos na cidade.
A través dunha moción que se debaterá no pleno do próximo luns, Domínguez advirte de que a falta de limpeza mantense como unha das principais preocupacións dos cidadáns en Pontevedra, a pesar da entrada en vigor do novo contrato de lixos. “É unha queixa constante que recibimos de veciños e veciñas de todas as rúas, barrios e parroquias e que, lonxe de mellorar, agravouse nos últimos tempos”, sinalou.
O líder do PP considera que se trata de “un servizo esencial pola incidencia que ten na calidade de vida dos cidadáns, a conservación dos espazos públicos e a imaxe que proxecta de Pontevedra aos miles de peregrinos e turistas que nos visitan durante o período vacacional”.
Nos últimos anos sucedéronse as demandas que chegan ao partido por parte de veciños e comerciantes que denuncian o estado das rúas e prazas do centro urbano, o abandono dos barrios e das parroquias, a sucidade acumulada en distintos puntos, a deterioración do mobiliario urbano pola falta de mantemento e mesmo a proliferación de ratas. “Xa non falamos só do rural ou dos barrios, o centro urbano tamén continúa sucio, e iso é unha pena para unha cidade como Pontevedra”, lamentou.
Domínguez lembrou que o novo contrato de limpeza chegou despois de oito prórrogas do anterior e que foi presentado polo Goberno local do BNG como a solución definitiva a este problema. Con todo, o dirixente popular reprochou que “se estea facendo un gasto económico tan elevado das arcas municipais, mentres os resultados non se corresponden co que ven os veciños cada día”.
Tendo en conta que o novo contrato de 238 millóns de euros supón un investimento próximo aos 12 millóns de euros anuais — un 40% máis que o anterior —, o portavoz do PP considera “imprescindible garantir o estrito cumprimento do servizo”. “Os pontevedreses merecen unha cidade limpa e coidada. É o mínimo que se pode esixir co contrato máis caro da historia do Concello”, concluíu

