– O paquete de actuacións contratado esta semana inclúe o asfaltado e mellora dos camiños dos Tereixos, as Cortes e o Cotiño en Reboreda, xunto ao Camiño das Telleiras na parroquia de Vilar. O total dos contratos ascende a preto de 130.000 euros para a renovación dos castro camiños.
– Estas intervencións en Reboreda Vilar forman parte do Plan de Investimento en Camiños Municipais, dotado con 2,7 millóns de euros. A alcaldesa, Digna Rivas, avanza que se van seguir aprobando proxectos nas vindeiras semanas “para que os 68 viais previstos en todo o termo municipal queden completamente renovados”.
O Concello de Redondela continúa executando con paso firme o seu plan de investimento nos camiños municipais de todas as parroquias. O Goberno local xa adxudicou os traballos de mellora do firme e a canalizacións de augas pluviais en catro camiños, tres deles en Reboreda e outro en Vilar. Estas intervencións contan cun prazo de execución de dous meses dende o inicio dos traballos, que comezarán proximamente. Os proxectos, supervisados pola área técnica municipal, teñen como obxectivo mellorar a mobilidade naqueles camiños que presentan un avanzado estado de deterioro. Para iso, aplicarase unha nova capa de rodadura de asfalto en quente de alta resistencia e reforzaranse as canalizacións subterráneas para previr riadas e garantir a seguridade dos peóns e vehículos.
Investimento de máis de 100.000 euros en Reboreda
Na parroquia de Reboreda, o investimento global do Concello ascende a 101.765 euros, distribuído en tres viais. No camiño dos Tereixos, cun orzamento de 36.819 euros, onde se vai reparar un tramo de 360 metros entre o Camiño do Aveal e a Subida as Mesas. No camiño das Cortes, en Santo Paio de Arriba, o contrato ascende a 27.325 euros, e actuarase sobre 240 metros de lonxitude. Inclúe unha actuación de urxencia para o entubado dunha cuneta que permitirá a correcta evacuación de augas pluviais. Por último, no camiño do Cotiño, realizarase un investimento de 37.620 euros para a renovación de dous tramos que suman 347 metros en total. Trátase das seccións que van desde a Estrada da Igrexa ata o Camiño da Cacharela, e dende a Estrada de Santo Paio ata o número 50.
De xeito paralelo, adxudicouse tamén o agardado proxecto do camiño das Telleiras, na parroquia de Vilar. Esta intervención recolle as mesmas esixencias técnicas de calidade aplicadas en Reboreda, coa limpeza de marxes e a mellora e asfaltado do camiño. Actuarase nunha superficie duns 700 metros cadrados, e os traballos teñen un orzamento de 27.948 euros.
A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción xa que as obras comezarán en breve. A rexedora afirma que “para este goberno non hai veciños nin veciñas de primeira e de segunda, e as parroquias merecen boas infraestruturas e seguridade viaria para facilitar a mobilidade da cidadanía”. Estas intervencións en Reboreda Vilar forman parte do Plan de Investimento en Camiños Municipais, dotado con 2,7 millóns de euros. “Imos seguir aprobando proxectos nas vindeiras semanas para que os 68 viais previstos en todo o termo municipal queden completamente renovados”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, fixo fincapé no traballo de coordinación que require un plan de tal envergadura: “Detrás de cada adxudicación hai meses de intenso traballo técnico e de xestión para optimizar cada céntimo público”. O concelleiro destacou tamén que estes investimentos “recollen as demandas dos propios veciños e veciñas e dos Consellos Parroquiais para dar resposta ás súas necesidades”.

