O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, inaugurou esta mañá no Museo das Peregrinacións a XVII edición das Leccións Xacobeas, organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un programa consolidado como un dos principais foros de reflexión e investigación arredor do fenómeno xacobeo.
As xornadas, que se desenvolven ata o 23 de xullo no marco dos Cursos de Verán da USC, levan nesta edición o título ‘Patrimonio e voces do Camiño de Santiago’ e reúnen especialistas nacionais e internacionais de diferentes disciplinas para analizar o presente e o futuro das peregrinacións e do patrimonio xacobeo.
Durante a inauguración, Xosé Merelles puxo en valor a colaboración entre Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para “promover o coñecemento científico sobre o Camiño de Santiago e reforzar a súa dimensión internacional”.
“As Leccións Xacobeas representan un exemplo da aposta de Turismo de Galicia por impulsar a investigación, o intercambio de coñecemento e a internacionalización do Camiño de Santiago, favorecendo o diálogo entre especialistas de diferentes países e disciplinas”, afirmou o director de Turismo de Galicia.
Xosé Merelles destacou tamén o carácter multidisciplinar dun programa que reúne historiadores, filólogos, xeógrafos, economistas, arqueólogos, escritores, artistas e investigadores procedentes de universidades galegas e doutros centros académicos de Europa, América e Asia.
Conferencia inaugural
O director de Turismo de Galicia foi o encargado tamén de presentar ao relator da conferencia inaugural, o profesor Paolo Cozzo, catedrático de Historia do Cristianismo e das Igrexas no Departamento de Estudos Históricos da Universidade de Turín, da que actualmente é director, e presidente desde 2024 da Asociación Internacional para a Investigación sobre os Santuarios (AIRS). Paolo Cozzo pronunciou a conferencia ‘A presenza do apóstolo Santiago e a peregrinación xacobea nos espazos sacros, lugares de culto e santuarios dos Alpes’.
Na súa presentación, Xosé Merelles salientou a ampla traxectoria investigadora do profesor italiano no ámbito da historia das institucións eclesiásticas, os santuarios, as prácticas relixiosas e as peregrinacións, así como a relevancia das súas publicacións máis recentes sobre o fenómeno da peregrinación cristiá e os santuarios italianos.
Novidade
As Leccións Xacobeas están organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago e como novidade nesta edición, as persoas asistentes dispoñen dun servizo de tradución simultánea mediante a aplicación móbil Wordly AI Translation and Captions, que permite seguir as intervencións en diferentes idiomas tanto mediante lectura en pantalla como por voz.
Ao longo das catro xornadas desenvolverase un amplo programa que inclúe conferencias, debates, proxeccións audiovisuais e visitas guiadas, ademais da presentación do proxecto de realidade 3D Portomarín Virtual, recoñecido co prestixioso premio europeo Synergy Grant, así como unha andaina por un tramo do Camiño Portugués entre Rubiães e Tui, que incluirá unha visita á catedral tudense coincidindo co seu 800 aniversario.
Con esta colaboración, Turismo de Galicia reafirma o seu compromiso co apoio á investigación, á divulgación e á conservación dos valores culturais, históricos e patrimoniais do Camiño de Santiago, consolidando Galicia como referente internacional no estudo do fenómeno xacobeo.

