Avante Ourense propón recuperar o Museo Municipal, apoiar aos creadores locais e impulsar un gran Festival Municipal das Artes

Redacción

Francisco Diéguez: “unha cidade que non aposta pola cultura é unha cidade que renuncia á súa identidade e ao seu futuro. Queremos que Ourense volva ser unha referencia cultural, apoiando aos seus creadores, recuperando o seu patrimonio e levando a cultura a todos os barrios.


A cultura debe deixar de ser unha actividade puntual para converterse nunha auténtica política de cidade. Con este obxectivo, Avante Ourense presenta as súas propostas en materia cultural dentro da campaña “Ourense merece máis”, defendendo un modelo que poña en valor o patrimonio, apoie aos creadores locais e achegue a programación cultural a todos os barrios.

Entre as principais medidas destaca a recuperación do Museo Municipal de Ourense, transformándoo nun espazo cultural vivo, cunha programación estable de exposicións, actividades educativas, conferencias e iniciativas abertas á cidadanía durante todo o ano.

A plataforma tamén impulsará o programa “A Cultura nos Barrios”, levando, de novo, o teatro, a música, o cinema, a danza, a literatura e actividades familiares aos distintos barrios da cidade, co obxectivo de descentralizar a programación cultural e garantir que o acceso á cultura non dependa do lugar onde se vive.

Ademais, Avante Ourense propón un Plan Municipal de Apoio á Creación Cultural, simplificando os trámites administrativos e dando maior protagonismo aos artistas e empresas culturais da cidade na programación municipal.

As propostas complétanse coa creación dunha Rede Municipal de Espazos Culturais, un Plan de Protección e Posta en Valor do Patrimonio e a organización dun Festival Municipal das Artes, que aspire a converter Ourense nun referente cultural de Galicia e nun atractivo turístico e económico.

Desde Avante Ourense lembran que esta é a cuarta das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis dinámica, participativa e orgullosa da súa identidade.

Comparte este artigo