A Xunta alerta dun novo intento do Goberno Central de limitar os usos no litoral cunha reforma unilateral dos criterios para establecer a liña de deslinde

Redacción
  • Advirte de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico pretende substituír a esixencia de que as ondas alcancen unha determinada cota de forma recorrente por un novo criterio baseado no rexistro dunha máxima onda nun momento concreto
  • O cambio proposto implicaría que calquera actualización de modelos ou series de datos podería xustificar novos deslindes, polo que se xeraría unha inseguridade permanente para propietarios, concellos e concesionarios
  • No caso de Galicia, tomando como referencia as máximas ondas rexistradas ou calculadas, o dominio público marítimo-terrestre podería abarcar zonas urbanas hoxe consolidadas e complicar a xestión de espazos portuarios
  • O Goberno galego afea ao Executivo central que introduza un cambio sobre a ordenación do litoral nunha norma cuxo obxecto formal é a xestión das inundacións e denuncia, unha vez máis, a falta de información e participación dos órganos, administracións e entidades afectadas no proceso

A Xunta de Galicia alerta dun novo intento do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de limitar os usos no litoral cunha reforma dos criterios para establecer a liña de deslinde que suporía avanzar no seu obxectivo de modificar unilateralmente a lexislación de Costas.

Na actualidade, o establecemento desa liña de deslinde baséase na aplicación do criterio técnico de recorrencia no alcance do mar. Deste xeito, segundo o Regulamento Xeral de Costas, o alcance do mar vincúlase a que as ondas cheguen a unha determinada cota polo menos en cinco ocasións nun período de cinco anos. 

Pola contra, a proposta do Goberno de España elimina a esixencia da recorrencia e establece un novo criterio principal baseado no rexistro dunha máxima onda nun momento concreto. Un cambio que suporía que calquera actualización de modelos ou series de datos podería xustificar novos deslindes, xerando así unha inseguridade permanente para concellos, propietarios e concesionarios.

A través da modificación da liña de deslinde de costa coa aplicación deste novo criterio, os terreos que pasen a estar no dominio público marítimo-terrestre serían inalienables, imprescritibles e inembargables, coas correspondentes limitacións severas para usos residenciais, turísticos ou industriais.

No caso concreto de Galicia, a Xunta defende que esta modificación non ten en conta as características singulares e particulares da costa da Comunidade. De feito, recorda que nas rías os temporais poden penetrar máis cara ao interior que nun litoral rectilíneo. Polo tanto, se se toman como referencia as máximas ondas rexistradas ou calculadas, o DPMT podería abarcar zonas urbanas hoxe consolidadas.

Cómpre recordar que ao longo da costa galega hai moitos núcleos de poboación que teñen frontes urbanas moi próximas á auga. De aí que a aplicación dun criterio de máximos extremos podería tensionar a relación entre o DPMT e o tecido urbano tradicional. Ademais, un deslinde máis expansivo podería complicar tamén a xestión de espazos portuarios, almacéns, lonxas ou accesos.

Así mesmo, a Xunta denuncia que, unha vez máis, o Goberno central busca unha reforma pola porta de atrás de aspectos nucleares da lexislación de Costas a través dun real decreto que nada ten que ver coa ordenación do litoral. En concreto, faino a través do proxecto de real decreto polo que se adoptan medidas de xestión dos riscos de inundación, que actualmente está en fase de audiencia e información pública e no que non se realiza unha análise técnica detallada por tramos de costa, tipos de litoral e realidades socioeconómicas distintas.

Volve facelo ademais sen dar a preceptiva información nin recabar a participación dos órganos, administracións e entidades afectadas, o que supón unha quebra dos principios de transparencia, lealdade institucional e boa regulación. Cómpre lembrar que este mesmo mes de xullo se celebrou unha Conferencia Sectorial de Medio Ambiente monográfica sobre a reforma do Regulamento Xeral de Costas, na que o Ministerio non fixo mención desta proposta.

Ante esta actuación unilateral do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, vén de remitir unha carta aos concellos litorais, á cadea mar-industria e aos membros do Foro do litoral animándoos a presentar os comentarios e alegacións que consideren oportunos no marco deste procedemento de audiencia e información pública.

Comparte este artigo