Francisco Diéguez: “Ourense non pode resignarse a perder profesionais sanitarios nin aceptar que as listas de espera ou a precariedade laboral se convertan na normalidade. A sanidade pública é un dereito e o concello de Ourense debe defendela con firmeza.”
Avante Ourense presenta hoxe as súas propostas en materia de sanidade dentro da campaña “Ourense merece máis”. Desde a plataforma consideramos que Ourense leva anos sufrindo un deterioro progresivo da sanidade pública, marcado pola falta de profesionais, a sobrecarga da Atención Primaria, o aumento das listas de espera e a precariedade laboral do persoal sanitario.
Aínda que as competencias corresponden á Xunta de Galicia, Avante Ourense defende que o Concello debe asumir un papel activo na defensa da sanidade pública, liderando un Pacto Local pola Sanidade, trasladando de forma permanente as necesidades da cidade ás administracións competentes e impulsando políticas municipais de prevención e promoción da saúde.
Entre as principais medidas destacan a defensa do CHUO e da Atención Primaria, un Plan Municipal de Saúde Mental, a ampliación da rede de desfibriladores para converter Ourense nunha Cidade Cardioprotexida, campañas de prevención das adiccións e un Plan Municipal de Promoción da Saúde que fomentará hábitos de vida saudables e a mobilidade activa, ampliando a rede de carrís bici da cidade a partir do eixo xa existente.
Desde Avante Ourense lembramos que esta é a sexta das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis xusta, máis moderna, máis sostible e con mellores servizos públicos.

