A voz de Rosa do Mar e o saxofón darán vida a un relato construido a partir de cancións coñecidas do rock internacional. Cada tema ocupa un lugar concreto dentro da historia na que unha relación sentimental atravesa o amor, a ruptura, o desexo de volver a empezar e tamén as adiccións.
A ópera rock galega dirixida por Carlos Alleres, O Camiño do Amor, chega a Outes este domingo ás 21h e o espectáculo terá lugar na praza do Bosque con acceso libre e gratuíto ata completar aforo.
Trátase dunha iniciativa que mestura música en directo, teatro e proxeccións audiovisuais para contar unha historia sobre o amor e o desamor ao ritmo de clásicos de rock. O espectáculo conta co grupo Claxxon como banda principal.
O repertorio inclúe versión en vivo de grandes himnos internacionais de bandas e artistas como Scorpions (Still Loving You), Elton John (Your Song) ou The Rolling Stones (Angie). A particularidade da proposta é que son as propias cancións as que conducen a historia, mentres que os subtítulos en galego sobreimpresionados nas proxeccións dan continuidade á ópera rock.
A historia desenvólvese a través dunha produción audiovisual interpretada polos actores María G. Caamaño, Lou Esmoris e Nando Llon, coa narración e condución de Lou7Go, e cos cameos de Tacho González, Víctor Fábregas, María Costas e José Churruca. A produción reúne tamén a máis de cincuenta persoas de figuración.
A parte audiovisual foi gravada en diferentes localizacións de Galicia, entre elas As Catedrais, Faro Ortegal, Muxía, Fisterra, Carnota, Corrubedo, A Lanzada, Combarro, Bueu, Baiona e Oia, ademais doutros espazos como o Hotel Boutique 1880, en Gaxate, o Liceum Bar, no Porriño, e As Crechas, en Santiago de Compostela. O espectáculo complétase cun escenario de 24 metros de ancho e unha pantalla xigante de 6 por 3 metros.

