O Concello de Soutomaior presenta unha nova edición desta cita estival cunha programación gratuíta que combina tradición, artesanía, música e actividades para toda a familia.
O alcalde, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Festas, Gonzalo Outeiro, presentaron unha nova edición de A Recalada, que o vindeiro 15 de agosto volverá encher o Peirao de Arcade de actividades para todos os públicos arredor do mar, a tradición e a cultura local. A programación inclúe obradoiros, actuacións musicais, navegación de embarcacións tradicionais, artesanía e unha ampla oferta gastronómica ao longo de toda a xornada.
A xornada arrancará ás 11:00 horas cun obradoiro de creación de móbiles colgantes e continuará con propostas como o obradoiro de chaveiros de coiro, o espectáculo infantil ‘Canta, Buguina, Canta!’, novos obradoiros creativos, actuacións musicais, a tradicional Izada de Velas e navegación en embarcacións tradicionais pola contorna de Arcade e as Illas Alvedosas. O peche da programación correrá a cargo do concerto de Airiños da Peneda ás 21:30 horas. Durante todo o día, ademais, o público poderá visitar a feira de artesanía local e desfrutar da zona gastronómica instalada no recinto.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “A Recalada é unha celebración que pon en valor a nosa identidade mariñeira e a estreita relación que Soutomaior mantén co mar. É unha oportunidade para reivindicar as nosas tradicións ao tempo que ofrecemos unha programación atractiva para veciñanza e visitantes”.
Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Gonzalo Outeiro, subliñou que “preparamos unha programación variada e pensada para todas as idades, na que conviven actividades participativas, música, artesanía e patrimonio marítimo”. Ademais, animou á cidadanía “a achegarse ao Peirao de Arcade e vivir unha xornada na que o mar e a cultura tradicional son os grandes protagonistas”.
Con esta nova edición de A Recalada, o Concello de Soutomaior continúa apostando por iniciativas que poñen en valor o patrimonio marítimo, impulsan a artesanía local e ofrecen propostas culturais e de lecer para toda a familia, consolidando esta celebración como unha das grandes citas do verán no municipio.

