Soutomaior volverá celebrar o legado de María Vinyals cunha xornada chea de cultura e participación 

Redacción

O Concello presenta unha nova edición do Día de María Vinyals, que terá lugar o 14 de agosto na Carballeira do Peirao de Arcade con actividades para todos os públicos    

A concelleira de Cultura, Silvia Cernada, presentou hoxe unha nova edición do Día de María Vinyals, unha cita que volverá render homenaxe á escritora, intelectual e pioneira do feminismo galego a través dunha programación pensada para achegar o seu legado á veciñanza dun xeito participativo e familiar.

A celebración desenvolverase o venres 14 de agosto na Carballeira do Peirao de Arcade, cun programa de balde que combina arte, tradición e lecer para todos os públicos.

A xornada comezará entre as 11:30 e as 13:30 horas cun obradoiro colaborativo de arte en vivo inspirado na figura de María Vinyals, no que participará a artista local Alba Troiteiro. A obra colectiva creada durante a actividade pasará a formar parte dunha exposición temporal na Biblioteca Municipal.

Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase o obradoiro ‘A queixería’, unha proposta para recuperar a tradición da elaboración de queixos na fortaleza durante a época de María Vinyals. A programación rematará ás 18:15 horas con ‘A aventura da Marquesa Vermella’, un xogo de pistas con retos cooperativos e mensaxes ocultas para descubrir os segredos da vida da escritora.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas, destacou que “esta programación busca achegar a figura de María Vinyals a persoas de todas as idades a través de actividades dinámicas e participativas, para que o seu legado continúe vivo e presente entre a veciñanza”. Ademais, subliñou que “seguimos apostando por poñer en valor unha das grandes referentes da nosa historia, vinculando cultura, patrimonio e participación cidadá nunha xornada aberta a toda a familia”.

Con esta iniciativa, o Concello de Soutomaior reafirma o seu compromiso coa divulgación da figura de María Vinyals e coa promoción de actividades que contribúen a conservar e difundir o patrimonio histórico e cultural do municipio.

Comparte este artigo