O líder socialista denuncia que o Goberno local pretende utilizar fondos europeos para pagar actuacións que xa estaban previstas no orzamento municipal
Fernández reclama á alcaldesa que rectifique e advirte de que “o uso curtoplacista do financiamento europeo implica renunciar á transformación de Lugo”
O portavoz socialista defende recuperar a reforma da Avenida da Coruña, completar a Segunda Rolda e aproveitar Novo Norte para construír “a cidade dos próximos trinta anos”
O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, cualificou de “gravísimo erro estratéxico” a decisión do Goberno de Elena Candia de renunciar á transformación integral da zona norte prevista na Estratexia Novo Norte e utilizar os fondos europeos para financiar actuacións que xa estaban contempladas no orzamento municipal, como o aparcadoiro do Ceao ou a reforma das naves municipais da Milagrosa.
- O líder socialista denuncia que o Goberno local pretende utilizar fondos europeos para pagar actuacións que xa estaban previstas no orzamento municipal
- Fernández reclama á alcaldesa que rectifique e advirte de que “o uso curtoplacista do financiamento europeo implica renunciar á transformación de Lugo”
- O portavoz socialista defende recuperar a reforma da Avenida da Coruña, completar a Segunda Rolda e aproveitar Novo Norte para construír “a cidade dos próximos trinta anos”
Fernández advertiu de que esta decisión supón “perder unha oportunidade histórica para Lugo” e reclamou á alcaldesa que rectifique. “Non estamos ante unha simple modificación dunha lista de obras. Estamos ante unha decisión que pode hipotecar durante anos a capacidade de transformar a zona norte, precisamente o ámbito máis poboado da cidade e un dos que presenta maiores necesidades de modernización urbana”, afirmou.
O líder socialista explicou que o sentido de Novo Norte era precisamente multiplicar a capacidade de investimento da cidade, utilizando os fondos europeos para executar actuacións estruturais que o Concello dificilmente podería abordar por si só. “Europa debe financiar transformación, non substituír o investimento municipal”, sinalou.
“É perfectamente lexítimo que o aparcadoiro do Ceao se execute. De feito, foi o Goberno que eu presidín é o que ideou ese proxecto e quen o incorporou aos orzamentos municipais. O que non ten sentido é empregar agora fondos europeos para pagar unha actuación que xa tiña financiamento municipal previsto”, sinalou.
Ao seu xuízo, esa operación “non supón traer máis cartos a Lugo, senón cambiar a procedencia dos cartos para liberar recursos municipais e gastalos noutras actuacións”. “É unha decisión que pode resultar cómoda para o curto prazo, pero é pésima para o futuro da cidade”, engadiu.
Fernández considerou especialmente grave que esta decisión se produza ao mesmo tempo que Candia frea a transformación da Avenida da Coruña, “un dos proxectos máis ambiciosos e con maior capacidade de transformación urbana dos últimos anos”.
O portavoz socialista lembrou que o proxecto do anterior Goberno pretendía converter a Avenida da Coruña nun gran bulevar urbano, recuperando espazo para as persoas, mellorando a accesibilidade, reforzando as zonas verdes e favorecendo a actividade comercial.
“Estamos falando da avenida comercial máis longa de Galicia e dun eixo fundamental para a vida económica e social do norte de Lugo. Non podemos seguir tratándoa como unha vía de entrada e saída da cidade cando os fluxos de tráfico mudaron e existen infraestruturas, como a Avenida Infanta Elena, moito máis adecuadas para absorber o tráfico exterior”, explicou.
Para Fernández, a transformación da Avenida da Coruña debe ir acompañada da culminación da Segunda Rolda, mediante dúas actuacións fundamentais: a eliminación do tapón urbanístico da contorna de Dona Urraca e a conexión entre Escultor Asorei e a rúa Amizade.
“Estas intervencións permitirían canalizar o tráfico interno norte-sur, reducir a presión sobre a Avenida da Coruña e facer posible que esa vía se transforme nun auténtico espazo urbano. Non se trata de facer unha obra illada: trátase de cambiar a forma na que Lugo se move e se relaciona”, afirmou.
O socialista advertiu de que abandonar esta planificación terá consecuencias directas: “Seguiremos tendo unha zona norte densamente poboada, con déficit de zonas verdes e espazos de convivencia, cunha avenida pensada para o tráfico de hai décadas e sen aproveitar os fondos europeos que estaban chamados precisamente a corrixir esta situación”.
Miguel Fernández acusou o Goberno local de actuar desde “a mera contraposición política” ao anterior Executivo. “Candia está confundindo gobernar con facer oposición ao Goberno anterior. Pero o problema é que, cando se goberna, as decisións non se poden tomar pensando en quen asinou os proxectos, senón en se son bos ou malos para Lugo”, afirmou.
Neste sentido, advertiu de que “o máis preocupante non é só que Candia paralice un proxecto; é que non existe unha alternativa”.
“Non coñecemos un novo modelo para a zona norte. Non hai unha planificación alternativa de mobilidade, de espazo público ou de transformación urbana. O único que vemos é a renuncia a un proxecto que estaba deseñado, financiado e aliñado cunha visión ambiciosa de Lugo”, denunciou.
Fernández reivindicou así o modelo de cidade impulsado polo anterior Goberno: “Nós deixamos unha folla de ruta. Un proxecto de cidade baseado en planificación, mobilidade sostible, recuperación do espazo público e mellora da calidade de vida. Novo Norte era unha peza fundamental desa visión”.
Finalmente, o líder socialista reclamou á alcaldesa que “pense máis alá do seu mandato” e rectifique antes de que sexa demasiado tarde.
“Candia ten que decidir se quere gobernar para os próximos dez meses ou para os próximos trinta anos. Os fondos europeos son unha oportunidade extraordinaria e irrepetible. Utilizalos para facer obras que xa estaban previstas con fondos municipais significa renunciar a transformar Lugo”, afirmou.
“Non podemos permitir que por unha decisión partidista a zona norte perda unha oportunidade que tardará décadas en volver aparecer. Lugo non necesita unha alcaldesa que borre o que fixo o anterior Goberno; necesita unha xestión que sexa capaz de aproveitar o mellor do traballo realizado e mirar cara ao futuro. A transformación da zona norte non é patrimonio de ningún partido: é unha oportunidade para toda a cidade”, concluíu.

