O vindeiro luns, 30 de novembro, remata o prazo para participar no IX Concurso de Fotografía da Deputación, dotado con 1.600 euros en premios
A Deputación anima a participar no IX Concurso de Fotografía 20 Aniversario da Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, cuxo prazo de presentación de traballos remata o vindeiro luns, 30 de novembro.
A iniciativa, convocada para conmemorar os vinte anos da declaración deste territorio como Reserva da Biosfera pola UNESCO, busca poñer en valor, a través da fotografía, a riqueza natural, cultural e etnográfica dos Ancares Lucenses, así como as súas tradicións e os oficios vinculados a este territorio.
O certame repartirá un total de 1.600 euros en premios: 800 euros para a fotografía gañadora, 500 euros para o segundo premio e 300 euros para o terceiro. As imaxes deberán reflectir a singularidade desta Reserva da Biosfera, que abrangue 53.664 hectáreas nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e parte de Becerreá.
As persoas interesadas poderán presentar unha única fotografía, en cor ou en branco e negro, tomada dentro do ámbito da Reserva da Biosfera e que non fose premiada en edicións anteriores.
Como participar
Os interesados en participar deberán achegar unha copia da fotografía en formato dixital, nun CD ou memoria USB, e outra en papel fotográfico. A documentación presentarase nun sobre que inclúa os datos persoais da persoa participante, o título da obra e o lugar onde foi tomada.
Os traballos poderán entregarse no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos, en Lugo, ou remitirse por correo certificado ao enderezo Praza de San Marcos, 8, 27001 Lugo. No caso de presentar a solicitude nun rexistro diferente, será necesario enviar ese mesmo día un correo electrónico a medioambiente@deputacionlugo.org co xustificante do rexistro.
As bases completas e a documentación da convocatoria están dispoñibles na web: https://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/concursofotografiaRRBB

