A Policía Local do Concello de Ourense informa de que as obras de reparación da estrada do Seminario, que executa a Xunta de Galicia, requirirán pechar ao tráfico rodado a intersección que conecta a rúa do Seminario coas rúas do Entroido e do Bispo Muñoz de la Cueva. O corte comezará o mércores, 29 de xullo, e prolongará os seus efectos durante o tempo que requira a execución das obras, estimado nun prazo aproximado dun mes de duración.
O dispositivo deseñado pola Policía Local para garantir o acceso e saída dos garaxes e vivendas afectadas é este:
- Para a rúa do Entroido e a rúa Arco da Vella: pola propia rúa do Entroido, habilitada provisionalmente en dobre sentido para este fin.
- Para rúa do Bispo Muñoz de la Cueva e vías paralelas: a través da rúa do Choco.
As liñas de autobús urbano que habitualmente circulan polo tramo afectado modificarán o seu percorrido provisionalmente. O acceso desviarase pola avenida da Ribeira Sacra cara á rúa Vistafermosa. Os autobuses efectuarán o cambio de sentido ao chegar á rúa do Seminario e regresarán descendendo de novo pola rúa Vistafermosa para incorporarse ao seu itinerario habitual.
A Policía Local roga ás persoas condutoras que teñan a máxima precaución, presten atención á sinalización provisional instalada na zona e desculpen as molestias que estas actuacións poidan ocasionar.

