Con motivo da celebración esta fin de semana das Festas do Carmen en Lorbé, o Concello instalará un Punto Violeta as noites do 30-31 de xullo e 1 de agosto, en horario de 23:00 a 03:00, coincidindo cos momento de maior afluencia de público. O obxectivo é continuar traballando de maneira activa, como se ven facendo ata agora, na prevención e na resposta ante posibles situacións de violencia sexual, LGTBIfobia ou calquera outra forma de violencia machista.
Os Puntos Violeta son lugares de referencia, atención e apoio psicolóxico, atendidos por un equipo especializado de profesionais na materia. Dispoñen dun Protocolo de Actuación en colaboración directa coas Forzas e Corpos de Seguridade e cos Servizos Sanitarios. Tamén funcionan como espazos de sensibilización accesibles á cidadanía, onde se ofrece material informativo e divulgativo sobre os recursos e servizos municipais dispoñibles, así como actividades de concienciación adaptadas a distintas idades.
O Concello de Oleiros reforza así o seu compromiso coa promoción dunhas celebracións seguras, igualitarias e libres de violencias.

