Ourense completa a execución do PERTE da Auga para impulsar a transformación dixital e sostible da cidade

Redacción
  • O proxecto supuxo o investimento de 4,5 millóns de euros para modernizar e optimizar o abastecemento e o saneamento
  • As actuacións executadas abrangueron a instalación de equipos de telelectura, a sectorización da rede e un centro de control en Reza
  • Contou co apoio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado polos Fondos Next Generation UE

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, asistiron este mediodía, na depuradora de Reza, ao evento final do proxecto “Ourense termal, verde e dixital”, no que se presentaron as actuacións e os resultados acadados no marco do PERTE de Dixitalización do Ciclo Integral da Auga. Ao acto asistiron tamén o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e representantes das empresas Veolia e Plexus Tech.

Esta actuación está incluída nas obras subvencionadas polo programa de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Fondos Next Generation UE), a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. O proxecto contou cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros. O Concello achegou un 20% e o goberno de España un 80%

A súa execución foi liderada pola UTE formada por Veolia e Plexus Tech: mentres que Veolia asumiu a responsabilidade da xestión do ciclo integral da auga, Plexus Tech actuou como socio tecnolóxico encargado do deseño e implantación das solucións dixitais, tales como plataformas intelixentes, análise avanzada de datos e sistemas de ciberseguridade. A iniciativa permitiu modernizar en profundidade a xestión deste recurso esencial, apostando pola innovación tecnolóxica, a sustentabilidade ambiental e a mellora continua do servizo á cidadanía.

Xestión intelixente e control en tempo real

Entre as principais actuacións executadas destacou a substitución de máis de 6.500 contadores por equipos de telelectura, que posibilita un control continuo do consumo e unha detección rápida de incidencias e fugas. Ademais, a rede municipal de abastecemento quedou completamente sectorizada en 40 sectores independentes con control de calidade, caudais e presións para reducir perdas.

No ámbito do saneamento, levouse a cabo a dixitalización integral de tanques de tormenta, puntos de vertedura, estacións de bombeo e das 7 depuradoras (EDAR) do municipio, integrando modelos matemáticos avanzados nun centro de control situado na EDAR de Reza para supervisar todo o sistema en tempo real.

Enerxías renovables e participación cidadá

O plan incluíu a instalación dunha planta fotovoltaica na EDAR de Reza para mellorar a eficiencia enerxética, a implantación de sistemas para a produción de auga rexenerada destinada a baldeos e rega de zonas verdes, e o despregamento dunha rede de estacións meteorolóxicas para anticipar situacións de seca ou inundacións. Para completar esta transformación, desenvolveuse unha plataforma dixital de acceso público que permitirá á cidadanía consultar datos en tempo real sobre o estado da rede e comunicarse co servizo municipal.

Tecnoloxia altamente rendible

O alcalde destacou a importancia desta intervención, así como a alta aportación realizada polo Goberno do Estado, que achegou un 80% do investimento realizado, ao tempo que lamentaba que “en todas estas axudas nunca está a Xunta de Galicia”. Pérez Jácome incidiu na importancia estratéxica da tecnoloxía: “Neste caso aplicada ao ciclo da auga, é altamente rendible para os cidadáns e para a contorna.

O subdelegado do Goberno coincidiu na relevancia do proxecto levado a cabo para xestión dun recurso, a auga, “cada vez máis escaso, máis valioso e sempre necesario”. “Valoremos todos estas obras de infraestrutura transformadoras como algo moi importante para o avance de Ourense”, manifestou.

Pola súa banda, o concelleiro Francisco Lorenzo agradeceu o traballo realizado: “é un paso adiante na rede que ten que vir acompañado pola renovación na que estamos a traballar a futuro cunha nova concesión para modernizar completamente a rede da cidade de Ourense”.

Comparte este artigo