– O Pleno ordinario do mes de xullo aprobou unha moción socialista que insta a reforzar a prevención estrutural, a xestión activa do territorio e os recursos permanentes para facer fronte aos incendios de nova xeración
– Tamén saíu adiante unha iniciativa para instar á Xunta a incrementar os recursos destinados ao ensino público, con máis profesorado, mellores infraestruturas, maior apoio ao alumnado con necesidades específicas, a protección da escola rural e do galego como lingua vehicular e un transporte e servizos escolares adaptados ás características da provincia de Lugo
O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a proposta do Goberno provincial a instar á Xunta de Galicia a impulsar un novo modelo de prevención e defensa contra os incendios forestais, adaptado á realidade actual e centrado na prevención como principal ferramenta para protexer o territorio, o rural e a poboación.
A Presidenta da Deputación, Carmela López, indicou antes do inicio da sesión que se está afrontando un escenario marcado por lumes cada vez máis intensos e complexos, que obrigan a revisar as políticas públicas nesta materia. A iniciativa saíu adiante co apoio do BNG e o Deputado non adscrito, e cos únicos votos en contra do PP.
Durante a súa intervención, a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, destacou que o cambio climático, o abandono da actividade agraria, a acumulación de biomasa e a despoboación están a favorecer incendios de comportamento extremo, que superan a capacidade de resposta dos dispositivos tradicionais. Neste contexto, subliñou que a prioridade debe situarse na prevención, na planificación e na xestión activa da paisaxe, complementando o labor esencial que desenvolven os equipos de extinción.
Así mesmo, puxo en valor o traballo dos profesionais que participan na prevención e na loita contra o lume, así como o papel das comunidades de montes, do sector agrogandeiro e da veciñanza do rural, “que cada día contribúen a manter vivo o territorio e constitúen a primeira liña de defensa fronte aos incendios”.
A proposta aprobada recolle un conxunto de medidas dirixidas á Xunta de Galicia para avanzar cara a un modelo máis eficaz e estable. Entre elas figura a elaboración, no prazo máximo de tres meses, dunha avaliación pública e independente do cumprimento do primeiro quinquenio do Plan Forestal de Galicia 2021-2040; a reforma integral da política galega de prevención de incendios, orientándoa cara á prevención estrutural; á adaptación ao cambio climático; e a execución efectiva da xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección, especialmente nos concellos con menor capacidade económica e técnica.
A iniciativa tamén reclama a creación dun Programa Galego de Paisaxes Resilientes, con especial atención á montaña lucense, Os Ancares, O Courel e a Ribeira Sacra, así como o reforzo estable dos recursos humanos destinados á prevención e defensa contra incendios, reducindo a temporalidade e garantindo dispositivos operativos durante todo o ano. Ademais, propón incrementar os investimentos en prevención, incorporar indicadores públicos de avaliación ao PLADIGA, elaborar unha estratexia específica para a provincia de Lugo e impulsar, en colaboración coas administracións locais, un Plan Galego de Prevención Local que defina responsabilidades e asegure a dotación económica necesaria.
Segundo defendeu Pilar García Porto, a realidade da provincia de Lugo require políticas adaptadas ás súas características territoriais e demográficas, apostando por un modelo que combine a prevención, a xestión sostible do monte e o apoio á actividade económica no rural como mellor garantía para reducir o risco de grandes incendios e protexer o patrimonio natural, social e económico da provincia.
Ensino público de calidade
A Deputación de Lugo tamén demandará á Xunta de Galicia un ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes. A iniciativa socialista foi defendida polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen advertiu de que a educación pública constitúe un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades e a cohesión social, especialmente nunha provincia como Lugo, marcada pola dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e o despoboamento do rural.
Durante a súa intervención, Rivera sinalou que “a escola pública é un piar fundamental para manter vivos os concellos do interior e asegurar que todos os nenos e nenas teñan acceso ás mesmas oportunidades, vivan onde vivan”. Neste sentido, alertou da falta de recursos humanos, da escaseza de profesorado, das baixas sen cubrir, do incremento das ratios e da insuficiencia de persoal especializado para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou ao alumnado recentemente incorporado ao sistema educativo.
O Deputado tamén incidiu na necesidade de reforzar a escola rural e de frear o peche de unidades educativas, lembrando que, en boa parte da provincia, os centros escolares desempeñan unha función que vai máis alá da educación, ao constituír un elemento clave para a cohesión territorial e para fixar poboación no rural. Ademais, puxo en valor o papel do galego como lingua propia do ensino e como ferramenta de integración, igualdade e cohesión social.
A moción, aprobada polo Pleno co apoio do BNG e o deputado non adscrito e votos en contra do PP, inclúe o apoio institucional da Deputación ao profesorado, ao persoal educativo, ao alumnado e ás familias, e insta á Xunta de Galicia a garantir un ensino público suficientemente financiado, incrementar os cadros de persoal docente e educativo, cubrir con axilidade as substitucións, reducir as ratios e evitar o peche de escolas no rural. Tamén reclama melloras nas condicións laborais do profesorado, a redución da burocracia, a modernización das infraestruturas escolares, o reforzo dos recursos para a atención á diversidade, a protección da presenza do galego no sistema educativo e a garantía dun transporte e dun servizo de comedor adaptados ás características da provincia de Lugo.
Rivera concluíu defendendo que “investir no ensino público é investir no futuro da provincia, garantindo igualdade de oportunidades, combatendo o despoboamento e fortalecendo a cohesión social e territorial de Lugo”.

