A alcaldesa Nidia Arévalo e o Conselleiro Román Rodríguez asinan o convenio que permitirá incorporar estas ensinanzas á oferta do IES de Mos a partir do vindeiro curso
O IES de Mos incorporará o vindeiro curso o ciclo formativo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría, da familia profesional de Fabricación Mecánica, trala sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e o Concello de Mos.
O acordo foi asinado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e permitirá que estas ensinanzas comecen a impartirse xa no curso 2026/27 nas instalacións do Centro de Formación Ocupacional do Concello de Mos, que dispón de talleres específicos para a formación práctica. Esta novidade súmase así á oferta do Instituto de Mos.
No acto tamén estiveron presentes a directora Xeral de FP, Mª Eugenia Pérez Fernández; o director Territorial de Pontevedra, César A. Pérez Ares; a directora do IES de Mos, Azuzena Matilde González, a concelleira de Educación de Mos, Julia Loureiro, ademais de Camilo Grandal, Felisa Rodríguez e Laura Méndez.
A alcaldesa de Mos destacou que este novo ciclo “é unha moi boa noticia para o municipio porque responde a unha demanda real do noso tecido empresarial. Mos é un concello industrial e precisabamos contar cunha oferta formativa acorde coa realidade das nosas empresas. Estamos convencidos de que esta formación abrirá novas oportunidades laborais para a nosa mocidade e tamén para aquelas persoas que decidan reorientar a súa carreira profesional”.
Pola súa banda, Román Rodríguez subliñou que “esta ampliación da oferta permitirá reforzar áreas con alta demanda de emprego, contribuíndo a que o alumnado conte cunha formación cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades reais das empresas”.
O convenio terá unha vixencia inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga. No marco deste acordo, a Consellería autoriza a posta en funcionamento e organización do ciclo por parte do IES de Mos e asume a dotación do profesorado, así como o material funxible e os produtos consumibles necesarios para impartir as ensinanzas. O Concello de Mos, pola súa banda, cede as instalacións e o equipamento, e fará fronte ao seu mantemento e aos gastos xerais de funcionamento.
As clases desenvolveranse en talleres destinados a soldadura, oxicorte e caldeiraría, que suman preto de 257 metros cadrados e contan co equipamento necesario para a formación práctica do alumnado.
Máis oportunidades de formación
A implantación deste ciclo reforza a oferta de Formación Profesional na área de Vigo e responde á aposta da Xunta por adaptar as ensinanzas ás necesidades do tecido produtivo e favorecer a cualificación profesional en sectores con elevada demanda de persoal especializado, como é o caso da familia profesional de Fabricación Mecánica.
Para o curso 2026/27, Galicia contará con 50.244 prazas de Formación Profesional, o que supón un incremento de 1.080 prazas (+2,2%) respecto do curso anterior. Na provincia de Pontevedra ofértanse 16.973 prazas, 170 máis (+1,01%), mentres que na área de Vigo a oferta ascende a 11.221 prazas, 181 máis (+1,64%). No caso concreto de Mos, o ciclo de Soldadura e Caldeiraría, obxecto deste convenio, conta actualmente xa con 22 persoas matriculadas. A oferta complétase co grao básico de Servizos Comerciais e cinco ciclos concertados.

