O Goberno de Soutomaior considera que as declaracións realizadas por José Luís García Pedrosa evidencian un “descoñecemento absoluto” da Relación de Postos de Traballo (RPT) actualmente en vigor no Concello.
O Executivo local amosa a súa sorpresa polas acusacións vertidas por José Luís García Pedrosa, que fala dunha suposta situación de acoso laboral cara a un traballador municipal, criticando que se lle estaba esixindo a este traballador dispoñibilidade especial, a pesar de que esta dispoñibilidade consta e fica remunerada na ficha deste traballador dende o ano 2017, hai case unha década
Neste sentido, o Goberno lembra que este empregado público ten definidas e organizadas as súas funcións desde o ano 2017, cando foi aprobada na a Relación de Postos de Traballo durante o goberno do Partido Popular encabezado por Agustín Reguera. naquela RPT o posto contaba cun réxime de especial dispoñibilidade, acompañado dun complemento específico por este concepto que na actualidade ascende aos 11.265 euros. Ademais, o Goberno destaca que entre os anos 2023 e 2024, baixo o actual Executivo municipal, ese complemento específico non só non se reduciu senón que se incrementou en preto de 2.000 euros, reforzando así as condicións retributivas do posto. Curiosa forma de abusar e acosar a un traballador, sinalaron dende o goberno municipal cando se lle sube o soldo e se lle quita traballo”
O Goberno Local desminte rotundamente que se estea obrigando ao traballador a realizar funcións extraordinarias fóra das derivadas da súa especial dispoñibilidade, cualificando estas afirmacións de “absolutamente falsas”. Do mesmo xeito, asegura que tamén é falso que o Concello estea a amortizar prazas de persoal.
Manu Lourenzo tamén considerou como un bulo que se lle fagan chamadas de madrugada a este traballador e sinalou que neste ano, que é ao que ten acceso o seu rexistro de chamadas non consta ningunha. O único que hai é unha mensaxe a un grupo no que están o concelleiro e o traballador no que se deixa como recado “colocar ben espello que está diante do aparcamento” Neste sentido, Manu Lourenzo sinalou tamén que é o propio traballador quen enviou en numerosísimas ocasións mensaxes a este grupo fóra do seu horario laboral.
Manu Lourenzo sinalou tamén que este rosario de bulos do señor Pedrosa achégase ao ridículo cando o propio sindicato critica que unha medida destinada a que os traballadores puideran traballar con menos calor como foi permitirlles entrar antes tamén lles sirve para crear un novo bulo. Foi o propio traballador quen se negou a repartir cremas solares nun día de calor a pesar de que a concelleira estaba a chamalo para pedirllas.
Dende o goberno local, concluiron coa seguinte reflexión xeral “Neste Concello non se van permitir privilexios nin actitudes despóticas cos compañeiros a ningún traballador ou traballadora. Aquí todas e todos teñen os mesmos dereitos. Acabáronse os tempos nos que alguén podía pensar que isto era a súa leira particular e facer o que lle petaba. Neste Concello traballamos todas e todos ao servizo da veciñanza e cumprindo a lei, e se alguén pensa que imos permitir que se siga asoballando ao resto de traballadores ou empregando os recursos públicos para intereses particulares, que saiban que nos van ter diante.”, sinalan desde o Goberno de Soutomaior.

