A Xunta de Goberno Local tratará 11 asuntos na súa sesión ordinaria desta semana

Redacción

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense reunirase mañá, xoves, 30 de xullo, ás 9.00 horas, no salón de plenos. A orde do día da sesión inclúe 11 propostas de acordo presentadas polos servizos municipais de Licenzas, Aperturas, Patrimonio, Contratación e Asuntos Sociais.

Licenzas (4). Resolverá as solicitudes de licenza de obra para o proxecto modificado básico e de execución de rehabilitación arquitectónica do antigo Pazo Episcopal – Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, por parte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte; e para a execución dun muro de contención entre as rúas Eligio González e Cesáreo González. Tamén tratará unha solicitude de licenza de agregación-segregación na rúa Bidueiro e terá por desistida unha solicitude de licenza de obras na rúa Viriato.

Aperturas (2). Analizará unha solicitude de licenza para a reforma dun baixo para 2 apartamentos turísticos na rúa Carriarico e rectificará un punto dun acordo dunha Xunta de Goberno anterior.

Patrimonio (2). Resolverá 2 reclamacións de responsabilidade patrimonial.

Contratación (2). Aprobará, se procede, a adxudicación do contrato da obra de restauración da pasarela sobre o río Miño en Outariz, e o expediente para contratar por lotes o servizo de mantemento e conservación da sinalización horizontal e vertical de tráfico do Concello de Ourense.

Asuntos Sociais (1). Aprobará, se procede, as bases xerais reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais do Concello de Ourense.

Comparte este artigo