A Deputación respalda a celebración da Festa da Mocidade de Taboada cunha achega de máis de 9.600€

Redacción

– A Deputada Pilar García Porto participou este xoves na presentación da cita, que reunirá o dia 7 de agosto as actuacións de 9Louro, Dakidarría, Tapa d’Orella e The Palangans, entre outros grupos

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Campo da Feira na presentación da Festa da Mocidade de Taboada, que se celebrará o vindeiro 7 de agosto. No acto tamén estiveron presentes o Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, a Deputada de Cultura, Iria Castro Fernández, e representantes da Asociación Cultural Madialeva O!, entidade organizadora do evento, así como outros colaboradores da cita.

A Deputación de Lugo destina 9.680€ á organización desta edición da Festa da Mocidade, unha cita xa consolidada como unha das grandes propostas festivas do verán no sur da provincia. Nesta nova edición volverá reunir milleiros de persoas arredor dunha programación musical de primeiro nivel, con actuacións de 9Louro, Dakidarría, Tapa d’Orella e The Palangans, entre outras formacións.

Durante a presentación, García Porto puxo en valor o traballo da asociación organizadora e destacou a importancia de apoiar iniciativas que “contribúen a dinamizar os nosos concellos, especialmente o rural, atraendo visitantes, xerando actividade económica e ofrecendo alternativas de lecer para a mocidade e para persoas de todas as idades”.

A Deputada incidiu en que este tipo de eventos “axudan a proxectar a imaxe dos municipios, fortalecen o tecido asociativo e teñen un impacto directo na hostalaría, no comercio e no conxunto da economía local”. Neste sentido, destacou que “a Festa da Mocidade é un exemplo da capacidade das asociacións para crear iniciativas consolidadas que medran ano tras ano grazas á implicación da veciñanza e á colaboración das administracións”.

Con este apoio, a institución provincial reafirma o seu compromiso co impulso de actividades que favorecen a dinamización do territorio e contribúen a facer dos concellos da provincia espazos máis vivos, atractivos e con maiores oportunidades de desenvolvemento social e económico.

Comparte este artigo