A alcaldesa de Mos, acompañada pola directora xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou as instalacións da entidade, que impulsa un proxecto aliñado coa Estratexia Estatal de Desinstitucionalización e o novo modelo de coidados
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a directora xeral de Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, visitaron as instalacións de EVD Galicia para coñecer de primeira man o modelo de atención que desenvolve esta entidade, centrado na vida independente, a inclusión social e os apoios personalizados.
Durante o encontro, os responsables da organización presentaron un modelo de intervención baseado no dereito de cada persoa a decidir o seu propio proxecto de vida, contando cos apoios necesarios para participar plenamente na comunidade.
Ao longo da visita déronse a coñecer distintas iniciativas promovidas por EVD Galicia, entre elas Chancli, Proxecto MAS, Lavatec, Luffaderm, VIDE e Airea Líderes, programas que buscan favorecer a participación social, o acceso ao emprego, o liderado das persoas con discapacidade e o desenvolvemento comunitario.
A visita incluíu tamén un percorrido polas obras do novo complexo residencial que a entidade está a construír en Mos. O proxecto aposta por un modelo baseado en unidades de convivencia, apartamentos con apoios personalizados e servizos abertos á veciñanza, afastándose do concepto tradicional de residencia.
EVD Galicia explicou ademais a súa aposta pola incorporación de novas figuras profesionais, como a Asistencia Persoal, e por un sistema de apoios baseado nos dereitos, na autodeterminación e na atención personalizada.
Desde a entidade destacaron que o seu obxectivo é que “as persoas con discapacidade non teñan que adaptarse aos servizos, senón que sexan os servizos os que se adapten ao proxecto de vida de cada persoa”. Neste sentido, sinalaron que o complexo de Mos “non nace para crear unha nova residencia, senón un espazo onde as persoas poidan vivir, decidir, traballar, participar e compartir a súa vida co resto da comunidade”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos puxo en valor o traballo que EVD Galicia está a desenvolver no municipio e destacou a importancia de impulsar iniciativas que favorezan unha sociedade máis inclusiva, baseada na igualdade de oportunidades, na autonomía persoal e na participación activa de tódalas persoas.

