O BNG meañés lamenta o risco de que o concello sexa sancionado pola Fiscalía de Persoas con Discapacidade debido ao criterio de exclusión por discapacidade establecido na ludoteca
O BNG de Meaño levou ao pleno a exclusión do neno Anxo no ludoconcilia de verán, ao que tamén asistiu a nai do menor, converténdose no asunto principal a tratar.
A concelleira do BNG de Meaño expuxo con detalle a situación de exclusión na que o desgoberno de Viéitez incorreu ao fixar nas bases do ludoconcilia un límite de máximo de discapacidade do 60%. Na súa intervención, a concelleira do Rosana Domínguez, detallou o acontecido e formulou diferentes preguntas- quedando sen resposta moitas delas por parte da alcaldía. Reza a seguir a intervención completa.
A nai do neno interveu e constatouse que a “boa fe” da que o alcalde presume non tivo nunca lugar, pois coñecían a situación do neno e en ningún momento se amosaron con predisposición a rectificar.
Vieitez afirmou que si o farán a partir de agora e comprometeuse publicamente a eliminar criterios de exclusión por discapacidade. Ante as preguntas do BNG a cerca de posibles sancións ao concello debido ao incumprimento da lei en materia de inclusión a alcaldía non respondeu e unicamente confirmou que a fiscalía se interesou no caso e que están á espera. O BNG lamenta que unha vez máis o desgoberno de Vieitez expoña ao concello a unha sanción e seguirán o caso ata o final.
Dende o BNG lamentan que a alcaldía soamente rectifique e se desculpe cando a oposición o pon contra as cordas. Afirman que tivo múltiples ocasións de amosar empatía coa familia e non o fixo.
INTERVENCIÓN DA CONCELLEIRA DO BNG ROSANA DOMÍNGUEZ NO PLENO
LUDOCONCILIA 2026
Tal e como o estableceu nas bases para o campamento de verán, o seu Goberno, exclúe do ludoconcilia aos rapaces deste concello que teñen un grao de discapacidade superior ao 60%, parécelle isto unha medida inclusiva? A caso non teñen dereito estes nenos a asistir a un campamento de verán no seu propio concello? A caso non teñen dereito á conciliación laboral e familiar os seus pais e nais?
Dende a publicación das bases, as intencións non eran boas, e por iso non se publicaron na páxina web do concello. Tal vez, porque non se axustan ao marco lexislativo vixente en materia de inclusión. Quixo facelo de tapadillo, e o que debe ser un servizo básico que axude ás familias a conciliar no verán, converteuse na vergoña deste concello. “Meaño exclúe dos campamentos de verán a un neno de sete anos pola súa discapacidade” di o titular da voz de Galicia. Meaño non exclúe a ninguén, quen exclúe é o seu goberno.
Deixaron fóra do campamento a Anxo, un neno deste concello con autismo que si asistiu en anos anteriores. E vostedes, sendo coñecedores de que establecendo nas bases o límite do 60% de discapacidade non podería asistir, establecérono. Como o explican? A familia de Anxo solicitou por rexistro que fose admitido, mais non houbo rectificación nin tampouco contestación formal. Esta é a seriedade do seu goberno? Responder as peticións dos veciños por Whatsapp? O grupo de goberno foi desconsiderado coa familia e o alcalde evidenciou, ademais das súas malas formas, o seu descoñecemento da lexislación actual, dicíndolle á nai que o seu fillo ten que ir a un centro especial. Equivócase. As leis establecen que se deben poñer os medios necesarios para a inclusión das persoas con discapacidade na sociedade. As bases aprobadas vulneran gravemente os dereitos das persoas con discapacidade.
A actualidade é inclusión, sr. Alcalde. E as políticas municipais deben estar á altura. Nun servizo tan esencial coma este non se pode pretender aforrar- sobre todo cando se aumenta tanto o gasto en festas coma este ano-. O investimento é unha cuestión de prioridades.
O seu goberno inviste tan só 5.485,01€ no campamento, que vén a ser o 17,6% do custo total, esta inversión é ao que se refire cando di que Meaño é un concello que inviste moito no social? As familias aportan 7.500€ (o 24%) a través do pagamento da taxa de inscrición. E a Xunta de Galiza aporta 18.000€ a través da subvención corresponsables, que como é lóxico, ao tratarse de competencias en conciliación e atención á diversidade, que son competencias propias da Xunta -non dos concellos- supón a porcentaxe máis alta (o 58%), aínda que é insuficiente, xa que unha vez máis vemos como a Xunta delega nos concellos competencias que lles son propias. Pediulle á Xunta do seu partido máis financiación? É consciente de que se expón á perda total ou parcial da subvención da Xunta por ter establecido ese criterio de exclusión por discapacidade nas bases?
Se seguimos falando de números, estes delatan que son soamente 7 monitoras ás que atenden a 80 rapaces, dos que 5 teñen necesidades especiais, e ningunha das monitoras ten formación en atención a nenos con necesidades especiais. O seu goberno non solicitou no prego de condicións persoal con formación en atención á diversidade para a adxudicación, da que por certo, hai 4.000€ de remanente. Pode comprometerse a investir este diñeiro no vindeiro ludoconcilia de Nadal e dotar os futuros programas con monitores que estean formados para atender a rapaces con necesidades educativas especiais, facéndoo constar así no prego de condicións para as empresas que se postulen?
A tristeza e a carraxe que produce esta decisión son grandes e máis grandes poden ser aínda as consecuencias para o concello, pois a fiscalía de menores interveu de oficio neste caso e recentemente foille requirida información ao respecto ao concello. Pode explicar en que punto se atopa?
Tamén o Valedor do Pobo requiriu información ao concello, mais este parece conformarse con que o concello rectifique en vindeiras ocasións.
Para rematar, o BNG, pídelle que por favor dea explicacións e lémbralle que de nada vale facer actos o día mundial do autismo, pedirlle ás familias que lean un manifesto e facer unha foto con globos azuis se logo esa aparente implicación non se traduce no que realmente importa: as políticas municipais.
Comprométese a eliminar calquera porcentaxe de discapacidade que provoca a exclusión de nenos/as en vindeiras actividades?

