O BNG celebra o acordo unánime para instalar unha fonte no CEIP Eladia Mariño e destaca o papel decisivo da comunidade educativa

Redacción

A formación nacionalista salienta o traballo do CEIP, da ANPA e das familias para converter unha demanda necesaria nun acordo de toda a Corporación

“Agora toca cumprir: estaremos vixiantes para que a fonte sexa unha realidade canto antes”, sinalou o portavoz municipal, Iago Varela

O BNG de Cabanas celebra a aprobación por unanimidade da proposta presentada no pleno municipal para impulsar a instalación dunha fonte de auga no CEIP Eladia Mariño, unha actuación sinxela pero moi demandada pola comunidade educativa.

A formación nacionalista quixo poñer o foco, por riba de todo, no traballo desenvolvido durante os últimos meses polo equipo directivo do centro, a ANPA e o conxunto da comunidade educativa, que mantiveron viva esta reivindicación ata conseguir o compromiso de toda a Corporación.

“Este acordo é, sobre todo, un éxito da comunidade educativa. Cando un centro, unha ANPA e as familias se implican para mellorar o día a día do alumnado, as administracións teñen a obriga de escoitar e responder”, destacou o portavoz municipal do BNG, Iago Varela.

A moción foi presentada polo BNG despois de que o goberno municipal levase meses negándose a asumir unha actuación de escaso custo económico, estimada en arredor de 300 euros para as arcas municipais, a pesar da súa utilidade para o alumnado e das posibilidades existentes para conectala ás instalacións do pavillón municipal.

Para o BNG, a aprobación unánime supón “un cambio de criterio que só pode entenderse grazas á perseveranza da comunidade educativa e á vontade de trasladar a súa demanda ao pleno municipal”.

Varela lembrou tamén que esta situación evidencia “a falta de investimento da Xunta de Galiza no mantemento e mellora do centro educativo”, mais insistiu en que esa realidade “non podía servir de escusa para atrasar durante meses unha actuación tan sinxela e asumible por parte do Concello”.

O portavoz nacionalista agradeceu a disposición do resto dos grupos municipais para apoiar a iniciativa e expresou o desexo de que “este consenso se traduza agora en feitos”.

“Conseguir un acordo é importante, pero máis importante aínda é que se cumpra. Desde o BNG estaremos pendentes da súa execución e faremos un seguimento para que a fonte sexa instalada antes do comezo do curso e que a comunidade educativa vexa atendida, por fin, unha demanda que nunca debería terse demorado tanto”, concluíu Iago Varela.

Comparte este artigo