O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo inauguraron hoxe as últimas fases deste complexo que estrea o espazo de relax cun río lento, novas zonas verdes, tobogáns e un parque multiaventura
As institucións provincial e autonómica investiron ao redor de 13 millóns de euros neste complexo, que tamén será unha infraestrutura de referencia turística e de ocio para todo o norte peninsular
A posta en marcha do parque xera máis de 70 postos de traballo directos esta tempada e consolídase como un elemento tractor turístico ás portas da Ribeira Sacra
A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia completaron a transformación integral do complexo deportivo e de ocio de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, coa inauguración das últimas fases do parque acuático, culminando así un proxecto estratéxico que converte a esta área nunha infraestrutura de vangarda única no noroeste peninsular.
O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo visitaron hoxe as últimas fases deste complexo que estrea o espazo de relax cun río lento, novas zonas verdes, tobogáns e un parque multiaventura.
As actuacións levadas a cabo nesta infraestrutura supuxeron un investimento próximo por parte de ambas administracións de 13 millóns de euros. Neste sentido, Luis Menor destacou o esforzo inversor da Deputación, que achegou para a construción destas últimas fases 3,6 millóns de euros, para colaborar no remate do Parque Acuático de Monterrei, un proxecto estratéxico pola súa pegada económica e turística.
Menor mostrouse moi satisfeito co resultado, logo de “sete anos de traballo” afirmando que hoxe era “un día histórico” para a nosa provincia grazas á inauguración desta “nova, novidosa e estratéxica infraestrutura que marcará un antes e un despois na oferta turística e de lecer da provincia”. Un centro que, coa posta en marcha da súa primeira fase, xa logrou atraer anualmente a unha media de 90.000 persoas, sinalou Menor.
Máis de 70 empregos directos e dinamización comarcal
A posta en marcha definitiva do parque acuático ten un importante impacto social e económico que se traduce na creación de máis de 70 postos de traballo directos para esta tempada —entre socorristas, persoal sanitario, mantemento e atención ao público—, ademais de impulsar a actividade económica no Pereiro de Aguiar e na comarca.
Máis alá de cubrir a demanda de lecer e deporte da veciñanza da provincia, o novo complexo de Monterrei está destinado a ser unha infraestrutura de de primeiro nivel e de referencia para os visitantes que chegan a Ourense. Pola súa localización estratéxica ás portas da Ribeira Sacra, o parque acuático reforzarase tamén como un reclamo turístico complementario para apoiar a consolidación da candidatura deste enclave a Patrimonio da Humanidade.
Froito da colaboración institucional
Esta actuación pon de manifesto os resultados da cooperación entre administracións para sacar adiante proxectos de gran calidade e alto impacto territorial. Coas novas instalacións xa en funcionamento, Monterrei dá un salto definitivo para posicionar a Ourense no mapa do turismo de ocio familiar e deportivo de referencia.
Neste sentido, Menor agradeceu o compromiso da Xunta coa provincia con esta aposta “estratéxica” para Ourense que “traerá a miles de persoas á provincia”, unha nova mostra do “compromiso” do goberno autonómico co noso territorio, logrando que a cooperación institucional “multiplique” os efectos de proxectos de gran envergadura como este complexo.

