- Ángeles Vázquez explica que se renovarán preto de 6,5 quilómetros da rede para mellorar o servizo que reciben 13 núcleos de poboación
- Esta actuación contribuirá a reducir as perdas de auga, minimizando as avarías e garantindo un abastecemento de auga potable en cantidade e calidade
- A conselleira sinala que este proxecto forma parte do plan que está a desenvolver a Xunta para impulsar a modernización dos sistemas municipais de abastecemento, cun investimento global de 19 millóns de euros
A Xunta de Galicia e o Concello de Gomesende destinan máis de 715.000 euros á renovación da rede de abastecemento na parroquia de San Lourenzo de Fustáns, segundo o convenio que asinaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Pura Rodríguez.
Esta actuación permitirá renovar preto de 6,5 quilómetros da rede de abastecemento e, deste xeito, mellorar o servizo que reciben 13 núcleos de poboación. Tal e como explicou a conselleira, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, esta medida contribuirá a reducir as perdas de auga, minimizando as avarías e garantindo un abastecemento de auga potable en cantidade e calidade.
A complexa orografía da parroquia, situada na ladeira dunha montaña con núcleos de poboación a distintas cotas, fixo necesario adaptar o sistema para garantir que a auga chegue a todos os veciños coa presión axeitada e en condicións óptimas de subministración.
Nese senso, a conselleira fixo fincapé no apoio continuo e constante que a Xunta, a través de Augas de Galicia, presta aos concellos galegos para apoialos no obxectivo de ofrecer un servizo de calidade á súa veciñanza. Así, no caso concreto desta actuación en Gomesende, a Xunta asume o 80% do financiamento e o Concello aporta o 20% restante.
Cómpre lembrar que garantir o abastecemento en Galicia supón un reto singular ao contar con máis de 30.000 núcleos de poboación cunha elevada dispersión territorial. Por iso, segundo explicou Ángeles Vázquez, a Xunta está a desenvolver un plan para impulsar a modernización dos sistemas municipais de abastecemento, cun investimento global de 19 millóns de euros.
Este esforzo permitirá executar 15 proxectos -incluído este en Gomesende- en 23 concellos galegos destinados a ampliar as redes, renovar conducións antigas, reducir perdas e reforzar a seguridade do abastecemento, beneficiando a unha poboación estimada de máis de 410.000 persoas.

