O Goberno local destaca o cumprimento de todas as regras fiscais, a débeda cero e un período medio de pagamento aos provedores de só 7,54 días
O primeiro pleno celebrado no renovado salón de plenos do Concello.
O Pleno do Concello de Soutomaior aprobou hoxe a Conta Xeral, o documento que recolle a execución do orzamento municipal e que, segundo o Goberno local, certifica con criterios técnicos que o municipio atravesa a mellor situación económica da súa historia.
A Conta Xeral reflicte a evolución experimentada polas contas municipais ao longo do exercicio, cun orzamento que pasou dos 6,2 millóns de euros iniciais a un orzamento definitivo de preto de 10 millóns de euros.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “hai cuestións que poden ser susceptibles de valoración política, pero os números son obxectivos. Os datos que presenta esta Conta Xeral demostran que Soutomaior está na mellor situación económica da súa historia”.
O rexedor lembrou que “estamos preto de duplicar o orzamento inicial co que nos atopamos ao chegar ao Goberno, o que nos permite incrementar os investimentos, mellorar os servizos públicos e seguir transformando o noso municipio”.
A Conta Xeral acredita o cumprimento de todos os indicadores económicos e financeiros esixidos pola normativa. Así, o Concello cumpre coa estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto, mantén unha situación de débeda financeira cero e presenta unha elevada capacidade de pagamento aos provedores, cun período medio de pagamento de tan só 7,54 días.
Ademais, o Goberno local puxo en valor que actualmente o Concello conta con máis de 4 millóns de euros en obras e actuacións en marcha, xa sexan en fase de execución, licitación ou próximas ao seu inicio, o que evidencia o elevado nivel de investimento que está a desenvolver a administración municipal.
Manu Lourenzo quixo tamén recoñecer o labor do persoal municipal. “Estes resultados son posibles porque hai un Goberno que traballa con seriedade, pero tamén porque existe un equipo de traballadores e traballadoras municipais que desenvolven o seu labor con enorme profesionalidade. Quero trasladarlles o meu agradecemento polo seu esforzo e colaboración para seguir mellorando Soutomaior entre todas e todos”, sinalou.
A aprobación da Conta Xeral saíu adiante coa aprobación dos grupos de Goberno e a abstención do grupo municipal do Partido Popular.
Para o Goberno de Soutomaior, estes datos consolidan un modelo de xestión baseado no rigor económico, na responsabilidade financeira e na capacidade de captar recursos para seguir impulsando proxectos que melloren a calidade de vida da veciñanza.

