Personal técnico do Consorcio e do Concello tamén traballan no estudo de viabilidade da infraestrutura de emprendemento que estará rematado en setembro
Paso adiante da Zona Franca de Vigo e do Concello de Salceda de Caselas cara ao futuro Centro de Negocios da vila que o Consorcio construirá na zona de A Gándara. Ambas as dúas administracións xa decidiron a parcela emprazada no PERI, xunto ao centro de saúde, que ocupará o edificio multidisciplinar no que estará integrado este inmoble destinado ao emprendemento. Será a parcela composta pola denominada Z3 P1b Equipamentos 02, amais dunha parte da parcela Z3 P1a Equipamentos 01m, cunha suma total aproximada de 4.000 m2.
Zona Franca e Concello xa iniciaron tamén os traballos do Estudo de Viabilidade, tanto económica como do emprazamento e da edificabilidade do Centro de Negocios, que estará rematado en setembro. Procederase entón á firma do convenio entre ambos organismos que terá que ser aprobado nos órganos preceptivos de cada administración, e sairá a licitación a redacción do proxecto. Se todo vai como se espera a estimación é estar en obras no 2027. A financiación e construción do equipamento correrá a cargo da Zona Franca e a xestión pasará a mans do Concello de Salceda.
O delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, recordou que esta infraestrutura “segue os pasos de dotacións similares que estamos realizando noutros concellos da provincia para xerar actividade económica e emprego no territorio. Seguimos avanzando porque esta dotación en Salceda parécenos prioritaria. As empresas, dixo o delegado, demandan estes equipamentos para poder crecer, amais de ser unha oportunidade para moita xente nova que quere emprender e traballar na súa vila.”.
Pola súa banda, a alcaldesa, Loli Castiñeira, destacou o avance na consecución de obxectivos, logo da visita sobre o terreo. “Seguimos dando pasos co equipo técnico para que esta nova infraestrutura sexa pronto unha realidade e queremos agradecer a boa disposición de Zona Franca e a visión do seu delegado, David Regades, ao ver no noso Concello un claro exemplo de dinamismo empresarial e social”.
O Centro de Negocios, duns 9.000 m2, que tamén disporá dun Auditorio de máis de 500 butacas,, estará dedicado ao emprendemento, con oficinas, coworkings e salas polivalentes para facilitar servizos ás startups, pemes e ás empresas emerxentes. A urbanización do PERI A Gándara ten sido unha oportunidade para dispoñer de espazos para estas dotacións que tamén permitirán un maior desenvolvemento a Salceda.

