Eu quero Razo-Baldaio acadou as 250 participacións nun primeiro mes marcado pola elevada resposta do público

Redacción

As actividades científicas, as rutas ambientais, as propostas nocturnas e o ioga na praia destacan entre as iniciativas con mellor acollida

O programa municipal de sensibilización ambiental e turismo consciente Eu quero Razo-Baldaio pechou o seu primeiro mes cun balance moi positivo. As actividades desenvolvidas ao longo de xullo acadaron as 250 participacións, cunha elevada ocupación das prazas dispoñibles e numerosas convocatorias ao completo.

A resposta do público confirma a consolidación dun programa que, edición tras edición, amplía a súa diversidade e incorpora novas maneiras de coñecer, gozar e protexer o litoral carballés. Durante o primeiro mes combináronse a divulgación científica, a interpretación ambiental, a creación artística, a actividade física e o voluntariado, sempre cunha participación moi activa de persoas de diferentes idades.

O alcalde, Daniel Pérez, destacou que “a acollida do programa demostra que existe un interese crecente por coñecer mellor o noso patrimonio natural e por participar activamente na súa conservación. Eu quero Razo-Baldaio ofrece alternativas de lecer respectuosas coa contorna e consegue implicar tanto a veciñanza como as persoas que nos visitan”.

Entre as principais novidades desta edición destacou a incorporación de actividades científicas da man do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental e Paleobioloxía GRICA-BIOpast, da Universidade da Coruña, nos centros sociais de Imende e Lema. A aposta pola ciencia ten continuidade coa primeira edición de SolxCiencia, unha iniciativa complementaria que se desenvolve en establecementos de hostalaría. As dúas sesións celebradas en xullo reuniron a preto de 200 persoas entre Baldaio e Razo.

Estas propostas están enmarcadas na programación da Noite Europea das Persoas Investigadoras e forman parte do proxecto europeo Talento quilómetro cero (TALK0), co que o Concello de Carballo pretende democratizar o acceso ao coñecemento, promover o talento local e estimular as vocacións científicas.

Do coñecemento á acción

A programación ambiental permitiu achegarse ao litoral desde perspectivas moi diferentes. A veciñanza participou en rutas para identificar a flora invasora, coñecer as árbores autóctonas ou descubrir o patrimonio natural, xeolóxico e cultural da costa.

Tamén tiveron moi boa acollida as propostas relacionadas coa fauna, como a actividade sobre mamíferos mariños e asistencia a varamentos, a observación nocturna de avelaíñas ou a saída para coñecer a fauna e a flora das contornas dunares de Baldaio.

O programa volveu reservar un espazo destacado para a participación activa no coidado do litoral. O Tarugotón permitiu retirar residuos e restos de madeira das praias ao tempo que se concienciaba sobre os efectos do lixo mariño nos ecosistemas costeiros.
A arte tamén serviu como ferramenta de sensibilización a través de Contar o Mar, un obradoiro conducido por Laura Tova no que as persoas participantes transformaron as súas percepcións, texturas e emocións arredor do mar en creacións propias.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, destacou a capacidade do programa para combinar aprendizaxe e intervención directa. “Queremos que as persoas participantes non sexan simples espectadoras. As actividades permiten observar, preguntar, experimentar e actuar. Esa implicación é fundamental para comprender o valor do litoral e a necesidade de protexelo”, indicou.

O ioga na praia, ao completo

Unha das propostas con maior demanda foi o ioga na praia. As catro sesións celebradas durante o mes de xullo cubriron as prazas dispoñibles, consolidando unha actividade que une benestar, contacto coa natureza e respecto pola contorna.

A experiencia continuará os días 4, 6, 11 e 13 de agosto, alternando as praias de Razo e Pedra do Sal, e tamén están completas. A alta demanda confirma o interese por propostas que permiten gozar do litoral dunha maneira tranquila, saudable e compatible coa conservación dos espazos naturais.

A programación de Eu quero Razo-Baldaio continuará durante todo o mes de agosto, e tamén nos primeiros días de setembro, cun calendario especialmente variado, que podes consultar na axenda de carballo.gal. Despois das actividades desta primeira fin de semana, a próxima cita será o día 5, cunha ruta interpretativa entre a praia e a marisma para coñecer os valores ecolóxicos da lagoa, das dunas e das zonas húmidas.

A maioría das actividades requiren inscrición previa debido ao límite de prazas e á necesidade de reducir o impacto sobre os espazos naturais.

Comparte este artigo