Avante Ourense aposta por recuperar as roldas de prensa do Goberno municipal, implantar orzamentos participativos e crear unha Oficina Municipal de Integridade e Bo Goberno.

Redacción

Francisco Diéguez: “A transparencia non consiste en publicar documentos que ninguén entende. Consiste en gobernar de cara á cidadanía, explicar cada decisión e asumir responsabilidades cando as cousas non se fan ben. Recuperaremos as roldas de prensa periódicas, reforzaremos a participación cidadá e faremos da transparencia unha forma de gobernar, non unha simple obriga legal.”

Avante Ourense presenta hoxe as súas propostas en materia de transparencia, participación cidadá e bo goberno dentro da campaña “Ourense merece máis”, defendendo un modelo de Concello máis aberto, máis próximo e máis comprometido coa rendición de contas.

A plataforma considera que a cidadanía ten dereito a coñecer como se toman as decisións, como se xestionan os recursos públicos e cales son os resultados da acción de goberno. Por iso, aposta por unha administración moderna, transparente e aberta á participación.

Entre as principais medidas destaca a recuperación das roldas de prensa periódicas do Goberno municipal, eliminadas durante o actual mandato, para informar con regularidade sobre a xestión municipal e responder ás preguntas dos medios de comunicación.

Avante Ourense tamén impulsará un novo Portal de Transparencia actualizado en tempo real, a publicación da axenda institucional do alcalde e dos membros do Goberno, a creación dunha Oficina Municipal de Integridade e Bo Goberno, a posta en marcha de orzamentos participativos vinculantes e novos mecanismos para facilitar a participación directa da cidadanía nos asuntos municipais.

Desde Avante Ourense lembramos que esta é a oitava das dez áreas estratéxicas da campaña “Ourense merece máis”, coa que a plataforma continúa presentando propostas concretas para construír unha cidade máis aberta, máis democrática e con institucións nas que a cidadanía poida volver confiar.

Comparte este artigo