A Xunta impulsa o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas co seu apoio á rehabilitación e posta en valor do Centro do Viño de Ribadavia

Redacción
  • O Consello aprobou a subscrición dun convenio de colaboración entre o Executivo galego e o Concello de Ribadavia para a rehabilitación da antiga sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro co fin de convertela no Centro do Viño
  • Esta acción, que forma parte da iniciativa Vilas Vivas e enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia, contará cunha achega autonómica de máis de 620.000 euros e a vixencia da colaboración é ata o 31 de decembro de 2028
  • O obxectivo é crear un espazo permanente para a promoción e a difusión da cultura vitivinícola do Ribeiro favorecendo a atracción de visitantes, a promoción dos produtos agroalimentarios de calidade e a dinamización socioeconómica da contorna
  • A esta actuación súmanse outras como a colaboración asinada recentemente co concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense para a reforma e modernización da praza de abastos do municipio e a obtención do selo de Mercado Excelente

O Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio entre o Goberno galego e o Concello de Ribadavia para a rehabilitación e posta en valor do Centro do Viño. Trátase dunha actuación incluída no proxecto piloto de dinamización comercial Vilas Vivas — enmarcado no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— e que consistirá na rehabilitación da antiga sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro para convertela no Centro do Viño.

Para iso contará cunha achega autonómica de máis de 620.000 euros que permitirá crear un espazo permanente para a interpretación, a promoción e a difusión da cultura vitivinícola do Ribeiro. Deste xeito, favorecerase a atracción de visitantes, a celebración de actividades divulgativas, a promoción dos produtos agroalimentarios de calidade diferenciada e a dinamización socioeconómica da contorna.

Neste sentido, desta colaboración, ademais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o concello, tamén forman parte a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria —adscritas á Consellería do Medio Rural—, e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 2028.

Entre as accións que inclúe este convenio están as relacionadas coa rehabilitación arquitectónica, con tarefas de acondicionamento e preparación de superficies, carpintería interior e exterior e dotación de equipamento, así como as de dinamización e posta en valor do espazo.

Desde xeito, darase pulo á iniciativa Vilas Vivas, orientada á recuperación da actividade comercial do casco histórico mediante a rehabilitación de baixos en desuso. Neste contexto, este ano prevese acadar os 15 locais rehabilitados e abertos ao público e, recentemente, púxose en marcha o programa Domingos Vivos, con actividades culturais, gastronómicas e visitas guiadas os primeiros domingos de cada mes para dinamizar o comercio e atraer visitantes ao municipio.

Reforma e modernización da praza de abastos

A esta acción de dinamización comercial e valorización do territorio súmanse outras como a colaboración asinada recentemente co concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense para a reforma e modernización da praza de abastos do municipio e a obtención do selo de Mercado Excelente. Trátase dun proxecto cun investimento total de 1,6 M€, dos que a Xunta achegará máis de 1,1 M€ e que que se desenvolverá entre 2026 e 2027.

Comparte este artigo